O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, sinalou que, mentres “o Goberno de Pedro Sánchez vive no bloqueo permanente”, a Xunta traballa para ter aprobados os orzamentos para 2027 en tempo e forma; tras confirmar que o pleno extraordinario onde se debaterá e votará o límite de gasto non financeiro da Comunidade autónoma terá lugar este xoves.
O teito de gasto para 2027 supera, por primeira vez, os 15.000 M€. Unha cifra, destacou, que marcará o traballo do Goberno galego “para que as contas do próximo ano entren en vigor o 1 de xaneiro”, coa previsión de que se presenten, previamente no mes de outubro, no Parlamento de Galicia. Para Pazos, as prioridades para 2027 quedan garantidas: reforzo dos servizos públicos, mellora do acceso á vivenda, impulso do sistema produtivo e organización do mellor Xacobeo da historia.
Segundo Pazos, a Xunta cumpre con rigor cos prazos para que Galicia siga avanzando nun modelo de país que ten como piares fundamentais a estabilidade política e financeira, a solvencia baseada nos recursos propios e unha economía que crece e crea emprego. “Galicia encadeará sete anos consecutivos de crecemento sostible”, engadiu. E puxo en valor a redución da débeda ao 12,6% e a estimación de que a taxa de paro caia ata o 7,7%, “rozando mínimos históricos na nosa Comunidade”. “Esta situación de estabilidade e rigor que vivimos en Galicia contrasta coa parálise que hai a nivel nacional”, apuntou Pazos, quen recordou que o Executivo de Pedro Sánchez “non só non foi quen de aprobar un só orzamento, senón que nin tan sequera se atreveu a presentalo”.
O NON PREVENTIVO DO BNG
O portavoz popular aproveitou, tamén, para afear a actitude do BNG e o seu “non preventivo a todo”, xa que, sen aínda escoitar as explicacións do conselleiro, xa criticou o teito de gasto, ao igual que os orzamentos do vindeiro ano, os cales nin tan sequera están elaborados. “Aquí en Galicia descualifican todo por sistema, pero en Madrid aplauden que se goberne sen orzamentos e apoian un modelo de financiamento prexudicial para Galicia”.
Neste punto, referiuse ao modelo de financiamento que trata de impor o Goberno central, tras pactalo de “forma unilateral e opaca co independentismo catalán” e onde Galicia “de forma clara e evidente sae perdendo”.
Para rematar, o portavoz popular referiuse á situación económica “preocupante” que atravesa a Universidade da Coruña. Unha situación, incidiu, derivada da xestión directa do ex reitor, e ex deputado do Parlamento de Galicia, Julio Abalde, que motivou a actual posición de vulnerabilidade da institución.