O grupo do Partido Popular na Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) lamenta que a Federación Galega de Municipios e Provincias non apoie as concentracións de apoio a Ceuta convocadas pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para esta mesma tarde en todos os concellos de España.
O vicepresidente primeiro e voceiro dos populares galegos, Ángel Moldes, sinala que “a FEGAMP se desmarca de maneira unilateral desta convocatoria”, e considera que o presidente Alberto Varela está a facer “un uso partidista da entidade”. “É moi evidente que para os socialistas galegos pesan máis as ordes de Sánchez que a independencia da propia Federación, a cal non debería ter cores políticas”, engade Moldes, ao tempo que anima a todos os galegos e galegas a participar nestas concentracións, “sen ideoloxías políticas, para mandar unha mensaxe de alento aos nosos compatriotas ceutís”.
Esta mesma tarde, e convocados pola FEMP, os cidadáns poderán concentrarse diante de cada concello galego para amosar unha imaxe de apoio ao pobo ceutí, que tras a invasión de milleiros de magrebís hai un mes seguen sen ter respostas nin solucións por parte do Goberno de España ante esta grave crise. As citas serán ás 20:00 horas, coincidindo coa celebración do Día de Ceuta.
O Partido Popular de Galicia súmase a esta convocatoria porque, segundo Moldes, “estamos do lado do que de verdade importa: a solidariedade, a unión e a soberanía nacional”. “O Goberno de Sánchez, totalmente desnortado, debe deixarse de evadir a súa culpa e buscar solucións reais ao que está acontecendo”, conclúe o voceiro dos populares galegos.