A presidenta de Novas Xeracións do PPdeG, Nicole Grueira, reivindica a Escola de Verán “Gerardo Fernández Albor” como un punto de encontro para a mocidade galega, no que “debater, compartir e falar do que somos e do que queremos para o futuro de Galicia”. Para a representante da mocidade galega dos populares, a Escola de Verán é “positiva e pro positiva”, xa que ademais de lembrar “aos que construíron Galicia”, tamén se lle dá voz “aos mozos e mozas que teñen ganas de construír o seu futuro”.
Así o manifestou durante a clausura da Escola de Verán das Novas Xeracións, que celebrou esta fin de semana en Lalín un conxunto de charlas, actividades e visitas nas que se reivindicou o papel dos mozos na política, o legado de Miguel Ángel Blanco ou os retos do municipalismo, entre outras cousas.
Grueira fixo un balance deste encontro, cunha Escola que leva o nome do primeiro presidente do Goberno galego en democracia, figura da que puxo en valor o seu papel na construción da Galicia autonómica. “Para as novas xeracións é importante coñecer a nosa historia, saber de onde vimos e valorar o traballo de quen abriu camiño antes ca nós”, sinalou.
A presidenta de Novas Xeracións do PPdeG tamén citou o legado do concelleiro do PP asasinado por ETA, Miguel Ángel Blanco, cuxa proxección do documental da súa vida foi unha das actividades centrais da Escola. “Realizaremos numerosas actividades coma esta, co obxectivo de lembrar o pasado, falar do presente e propoñer para o futuro”, destacou.
Sobre a figura de Miguel Ángel Blanco, subliñou que a súa historia forma parte da nosa memoria democrática, sendo importante “que as novas xeracións coñezamos o que significou a súa morte e o que supuxo para toda unha sociedade”. Neste punto, lamentou que mentres o BNG e Galiza Nova “enxalzan aos herdeiros de ETA”, no PP o compromiso é “liberdade, democracia e convivencia”, valores que “non se venden e que temos a obriga de defender sempre”.
A presidenta da mocidade popular galega tamén fixo referencia ao reto das eleccións municipais de 2027, facendo fincapé sobre a importancia do municipalismo e lembrando que o PPdeG é o partido que goberna na maioría dos concellos de Galicia, e faino, dixo “contando con moitos mozos e mozas que deron o paso de participar na política municipal”. Neste sentido, puxo en valor o traballo de todos os alcaldes e concelleiros mozos que traballan día a día polos seus veciños.
“A mocidade ten un papel fundamental: é motor de estabilidade alí onde gobernamos e tamén ten que ser motor do cambio alí onde sexa necesario. Queremos que máis mozos e mozas dean ese paso e se impliquen na vida dos seus concellos”, apuntou Grueira.
LUISA PIÑEIRO: “A POLÍTICA PRECISA MOZOS E MOZAS QUE PARTICIPEN”
Na clausura da Escola de Verán “Gerardo Fernández Albor” de Novas Xeracións de Galicia, a secretaria xeral do PP da provincia de Pontevedra, Luisa Piñeiro, puxo en valor a Escola de Verán e a oportunidade que supón para que os participantes sumen “formación para estar preparados, participación para transformar e compromiso para non abandonar cando as cousas se poñen difíciles”.
Neste sentido, cualificou á mocidade como “o futuro”, pero tamén como “o presente, porque en política precisamos mozos e mozas que participen e que fortaleza as estruturas locais”. Piñeiro animou tamén aos mozos e mozas a que “saían á rúa, porque é fundamental coñecer de primeira man as inquedanzas da cidadanía” e os retos que estas xeracións teñen por diante.
ADRIÁN VÁZQUEZ: “OS MOZOS SODES O FUTURO DUNHA EUROPA FORTE”
O eurodeputado lalinense do PPdeG, Adrián Vázquez, tamén participou na clausura desta Escola de Verán, onde reivindicou a mocidade como o futuro “dunha Europa máis competitiva, autónoma e forte”. Respecto ás próximas eleccións, Vázquez fixo un chamamento aos mozos para “estar activos”, sinalando que o seu voto é “esencial para acadar o cambio que España necesita”.
“Cando en Europa defendemos unha AP-9 gratuíta e ben xestionada, os dereitos dos menores en liña, unhas fronteiras seguras para unha inmigración ordenada ou facer a vida máis doada aos nosos gandeiros, agricultores e pescadores; facémolo por vós, a mocidade”, destacou o eurodeputado. Para Vázquez, a política debe servir “para deixar o mundo un pouco mellor que como o atopamos”. Tamén animou ás novas xeracións a emprender en Galicia e “contribuír a mellorar a nosa terra”.
DOCUMENTAIS, VISITAS E MESAS REDONDAS
A Escola de Verán “Gerardo Fernández Albor” celebrou esta fin de semana a súa actividade en Lalín, cunha charla sobre redes sociais, un faladoiro da Galicia do futuro e a proxección do documental de Miguel Ángel Blanco. Nesta primeira xornada, o sábado, a mocidade do PPdeG tamén visitou unha explotación gandeira.
A actividade de hoxe centrouse en mesas redondas nas que diversos representantes do partido falaron dos retos do municipalismo e do papel dos concelleiros mozos.