As deputadas do Grupo Parlamentario Popular Katherine Varela e Encarna Amigo realizaron, hoxe, un tramo do Camiño de Santiago, acompañando a persoas afectadas por esclerose lateral amiotrófica (ELA), familiares e voluntarios.
A iniciativa, impulsada pola asociación CompostELA, ten como obxectivo axudar a estes enfermos a completar o reto de peregrinar á capital galega, realizando os tramos do Camiño de Santiago que unen a localidade de Fonfría, en Pedrafita do Cebreiro, coa Praza do Obradoiro. Durante o percorrido, as parlamentarias populares puxeron en valor o esforzo organizativo da entidade e todo o traballo que están a levar a cabo para darlle visibilidade á enfermidade. E sinalaron que a Xunta de Galicia colabora co financiamento do transporte para os desprazamentos. Neste caso, un autobús estándar de 55 prazas e dous adaptados para persoas con mobilidade reducida.
As deputadas do Grupo Popular tamén tiveron un recordo emotivo para Susi Seoane, vicepresidenta da Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AgaELA), falecida recentemente a causa desta doenza. Sumáronse ao seu recordo e destacaron o seu incansable labor a prol dos dereitos e da visibilidade das persoas afectadas pola ELA.
UNHA ORDE DE AXUDAS PIONEIRA
Asemade, puxeron en valor o compromiso do Goberno galego no impulso de medidas para mellorar a súa calidade de vida e axilizar a súa atención sociosanitaria. Neste punto, informaron de que o prazo para solicitar axudas destinadas a sufragar os elevados custos desta patoloxía, derivados da adquisición de produtos esenciais –como camas articuladas ou guindastres-, a contratación de servizos especializados ou a execución de obras de adaptación na vivenda, estará aberto ata o vindeiro 3 de novembro.
A deste ano é a cuarta convocatoria e as achegas acadan os 12.000 euros anuais. O Goberno galego destina un investimento de 2,1 M€ a esta orde de axudas, que é pioneira no conxunto do país e que se puxo en marcha por primeira vez en 2023.