O PPdeG instou, hoxe, ao Goberno central a que retire a proposta do Estatuto Marco do persoal estatutario do servizos de saúde e reinicie a reforma desde o principio, contando cos profesionais e coas administracións autonómicas. “O Goberno de España aínda pode rectificar, escoitar, negociar e incorporar as modificacións necesarias”, apuntou.
A portavoz de Sanidade do Grupo Parlamentario Popular, Encarna Amigo, afeou que o Executivo de Pedro Sánchez aprobase no Consejo de Ministros un proxecto, sabendo da enorme contestación dos profesionais médicos e da posibilidade dunha folga indefinida. “Impón unha reforma sen diálogo e abre unha confrontación sen precedentes cos profesionais médicos”, sinalou para, a continuación, lamentar que o Goberno trate como “adversarios” a quen, precisamente, sostén todos os días a nosa sanidade pública.
A través dunha proposición non de lei, o Grupo Popular avoga por un Estatuto Marco renovado, moderno e garantista, que recoñeza as especificidades dos profesionais sanitarios, respecte as competencias autonómicas e veña acompañado dos recursos necesarios: “Queremos unha norma que una o Sistema Nacional de Saúde, non unha que prolongue o conflito”.
Neste punto, recordou que a reforma proposta polo Goberno central non convence aos profesionais sanitarios, os cales levan meses mobilizándose, nin ás Comunidades, que son as que teñen as competencias e terán que aplicar finalmente a norma. E fixo mención ás consecuencias das distintas xornadas de folgas, as cales, tal e como informou, afectaron a preto de 300.000 actos asistencias en Galicia –5.919 cirurxías, 160.527 consultas hospitalarias, 93.111 consultas de atención primaria e máis de 18.313 probas-.
O DIÁLOGO, O ACORDO E OS FEITOS DO GOBERNO GALEGO
A deputada popular puxo en valor o “enorme esforzo” que Galicia está a facer para recuperar a actividade asistencial e reducir as esperar. E fixo fincapé en que, fronte á “imposición, confrontación e discursos” do Executivo central, o Goberno de Alfonso Rueda escolleu “diálogo, acordo e feitos”.
Para rematar, criticou a postura de BNG e PSdeG: “Para vostedes, os verbos escoitar, negociar e dialogar non está no seu ideario. Están máis cómodos co verbo impoñer”.