Os deputados do Grupo Parlamentario Popular de Galicia Cristina Sanz e José Manuel Mato comprobaron o bo ritmo das obras do futuro parque canino municipal de Lugo e avanzaron que a previsión é que os traballos finalicen “este mesmo ano”.
Nunha recente visita á parcela, sita na zona de San Xillao, os parlamentarios populares puxeron en valor o investimento de 140.000 € que o Goberno galego destina de forma íntegra a este espazo de máis de 3.750 metros cadrados.
Así, explicaron que esta nova infraestrutura é froito do protocolo asinado entre o departamento de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta e o Concello de Lugo. Un acordo no que a administración autonómica asume o custo total e a execución da obra, mentres que a entidade local pon á disposición os terreos necesarios e encargarase do posterior mantemento e conservación das instalacións unha vez rematadas. “Esta colaboración permitirá que os cans poidan correr, xogar e relacionarse en liberdade, de xeito seguro e sen necesidade de correas ou bozos”, salientaron.
Neste senso, salientaron a importancia de que a cidadanía poida dispoñer deste tipo de dotacións amplas e ben equipadas nas grandes urbes, que concentran o 20% dos cans inscritos no Rexistro galego de identificación de animais de compañía. “No caso de Lugo, estamos a falar da terceira cidade galega con máis cans rexistrados, cun total de 22.158. Era unha necesidade evidente á que o Goberno galego está dando unha resposta eficaz”, apuntaron.
COMPROMISO CO BENESTAR ANIMAL
Os deputados do Grupo Popular aproveitaron, tamén, para poñer en valor o compromiso do Goberno galego en materia de benestar animal. E fixeron fincapé axudas dirixidas, por unha banda, a concellos e entidades que se ocupan da atención e coidado dos animais de compañía abandonados e da xestión das colonias felinas; e, por outra, a particulares, para fomentar a adopción. O importe global destas achegas ascende a 1,36 millóns de euros.