A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, urxe abrir un diálogo “real e efectivo” co colectivo médico para negociar a modificación do Estatuto Marco que permita acabar coas folgas e, por conseguinte, cos graves problemas que está ocasionando, dos que culpa “ao Goberno de Sánchez e os seus socios independentistas do BNG”, responsables do “deterioro progresivo dos servizos” na actividade e nos tempos de acceso á sanidade pública. “Coa sanidade non se xoga”, engadiu.
Así o manifestou hoxe a número dous dos populares galegos nunha rolda de prensa na sede autonómica do PPdeG, onde advertiu que o conflito sanitario provocado polo Goberno central está impactando nas listas de espera en Galicia. Neste punto, lamentou que dende o pasado mes de decembro, os paros médicos xa supuxeron a suspensión de case 280.000 actos médicos na comunidade.
Para Prado, o proxecto de Lei do Estatuto Marco é un texto que non conta co apoio e respaldo dos facultativos, senón que máis ben provocou incrementar aínda máis o enfado e a crispación entre o colectivo. De feito, xa se fixou unha folga indefinida e ininterrompida a partir do 28 de outubro.
“Sánchez actúa sen ter en conta outros intereses que non sexan os del, goberna por supervivencia e día tras día amosa a súa falta de compromiso con Galicia”, lamenta Prado, que reivindica un trato “xusto” para Galicia que o Executivo central “deixe de recortar” en medidas, achegas e iniciativas que poidan beneficiar á comunidade.
Para a secretaria xeral, destes recortes tamén ten culpa o BNG, que define como o partido que decidiu “vender a Galicia a cambio de nada”, unha alianza que “lle está saíndo cara a todos os galegos e galegas”. Así, a dinámica de recortes de servizos de Sánchez con Galicia, está “sustentada polos independentistas galegos”.
O GOBERNO GALEGO, RESPONSABLE E COMPROMETIDO
Entre outros recortes á sanidade galega, citou o prexuízo que provoca o déficit de profesionais no sistema, cuxa situación compete ao Ministerio de Sanidade. “Precisamos medidas que axuden a paliar este déficit de especialistas, como aumentar a idade de xubilación ata os 72 anos, axilizar a homologación de títulos estranxeiros e incrementar a oferta de formación sanitaria especializada”, citou.
Pola contra, Prado valorou que Galicia conta cun Goberno “serio, responsable e comprometido” co que de verdade importa: os galegos e galegas. Así, subliñou que o Executivo de Rueda incrementou a oferta de formación sanitaria especializada en especialidades como medicina familiar e comunitaria e pediatría, ofertando nos últimos anos o 100% das prazas formativas que se lle acreditan. Ademais, lembrou que antes dos paros de decembro, a data de 30 de novembro, a sanidade galega rexistraba máis actividade e menos tempos de espera.