O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, a iniciativa do Grupo Popular relativa a que o Goberno central incremente o número de prazas de formación sanitaria especializada en Psicoloxía Clínica (PIR), actualmente insuficiente para dar resposta ás necesidades do Sistema Nacional de Saúde e á crecente demanda social.
A portavoz da área de Sanidade do Grupo Parlamentario Popular, Encarna Amigo, defendeu que a dispoñibilidade de profesionais especialistas resulta clave para garantir unha atención integral, accesible e de calidade no sistema público de saúde. “O que pedimos é máis capacidade para formar”, salientou Encarna Amigo, xa que, tal e como explicou, Galicia está ofertando o 100% da súa capacidade formativa, acreditada polo Ministerio de Sanidad.
A deputada popular fixo fincapé no importante esforzo que a Xunta de Galicia vén realizando no eido da saúde mental, a través de plans específicos, o incremento de recursos humanos e a integración progresiva de psicólogos clínicos nos distintos niveis asistenciais: “O Goberno de Alfonso Rueda non está improvisando, ten unha folla de ruta para os próximos anos, con máis recursos, máis profesionais e novas medidas para mellorar a atención á saúde mental”.
Neste senso, salientou a aposta “clara, inequívoca e contundente pola saúde mental” do Executivo galego e recordou que a convocatoria de 2026-2027 será “a maior oferta de formación sanitaria especializada da historia da nosa Comunidade: 725 prazas, 43 máis que na convocatoria anterior”. E que o Plan de Saúde Mental 2026-2030 prevé a incorporación de 75 especialistas en Psicoloxía Clínica.
Porén, advertiu de que este compromiso autonómico choca cunha barreira que depende en exclusiva do Executivo central: o reducido número de prazas de formación sanitaria especializada en PIR. Por todo isto, Encarna Amigo reclamou ao Executivo de Pedro Sánchez unha planificación estratéxica estatal coordinada coas Comunidades e acompañada dos recursos económicos necesarios para facer fronte a esta demanda crecente: “Planificación, formación e asistencia teñen que ir da man”.
Así mesmo, instou a acometer os cambios normativos que faciliten a acreditación de novas unidades docentes ou de prazas nas xa existentes para que as comunidades poidan ampliar a súa oferta formativa con criterios de calidade. E subliñou que o Ministerio de Sanidad debe ter en conta o esforzo realizado por comunidades autónomas como Galicia no reforzo da saúde mental, dotándoas dos recursos formativos necesarios para consolidar e ampliar as medidas xa en marcha.
A deputada popular rematou criticando o voto en contra do BNG, que se traduce na súa negativa a pedirlle ao Goberno de España que permita que Galicia poida formar a máis profesionais médicos.