A popular Pepa Pardo, amosou hoxe a súa profunda indignación e preocupación tras coñecerse o último informe da Fiscalía Superior de Galicia, que alerta de graves deficiencias operativas no sistema de control telemático de agresores. Pardo acusou ao Executivo central de deixar «unha vez máis» ás mulleres nunha situación de extrema vulnerabilidade.
«Outra vez as mulleres vítimas de violencia de xénero volven ser noticia porque o autoproclamado goberno máis progresista da historia da democracia, aqueles de ‘son feminista porque son socialista’, volveunas deixar desprotexidas», denunciou con dureza a representante popular.
A Fiscalía galega advertiu explicitamente da existencia de «incidencias relevantes» no funcionamento dos dispositivos, sinalando fallas críticas como a perda de cobertura no medio rural ou nas zonas fronteirizas, así como constantes falsos positivos que alteran o seguimento real dos agresores.
Para Pardo Pumar, esta situación é o reflexo dun Goberno central «ausente e máis centrado nos seus propios problemas». Pardo afirmou que as vítimas están desprotexidas «porque no Executivo están máis preocupados por tapar a súa corrupción, por tapar a invasión de Ceuta e, como non, por protexer á única muller que de verdade lle importa a este goberno, que é Begoña Gómez».
Ante a gravidade dos feitos, a voceira popular esixiu responsabilidades inmediatas e unha solución técnica urxente para un sistema que debera ser infalible.
«Xa está ben, as vítimas non se merecen isto. E agora que, señores do PSOE? Van garantir dunha vez por todas que as mulleres de Pontevedra, que as mulleres galegas e que todas as vítimas de violencia de xénero estean protexidas fronte aos seus maltratadores?», ou tamén van dicir agora, como Patxi López, que ‘ningunha muller se queixou’?», concluíu.