O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, aspira a que o PPdeG sexa, de novo, “un gran motor de cambio”, con “valentía, forza e convicción”, polo que urxe aos populares que “pisen o acelerador” para contribuír á vitoria de Alberto Núñez Feijóo nas Eleccións Xerais do 29 de novembro, a quen lle deu a benvida “á súa casa”. Así o manifestou nun multitudinario acto de precampaña na Estación Marítima de Vigo, onde preto de 2.000 persoas de toda Galicia arrouparon ao presidente do PP nacional.
“No PPdeG temos sempre a maquinaria activada. Temos que dalo todo: por Galicia, porque somos orgullosamente galegos, pero tamén por España, porque tamén somos orgullosamente españois. Non renunciamos nin a unha cousa nin a outra”, sinalou durante o acto, no que tamén participou a presidenta do PP local, Luisa Sánchez e asistiron, entre outros, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente do PP da provincia de Pontevedra, Luis López.
Para Rueda, o presidente do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, está “no seu mellor momento”, primordial para o cambio que Galicia “necesita de xeito inaprazable”, insistindo en que os galegos e galegas precisan un Goberno central “que non discrimine, porque non queremos máis ca ninguén, pero non admitimos menos”. Neste punto, lembrou o momento tan crítico que vive o país cun Goberno central que “só se preocupa dos seus intereses persoais e non das preocupacións da xente”, unha situación que “ten que acabar xa”.
O líder dos populares galegos engadiu que “ademais do mellor candidato”, tamén hai “as mellores candidaturas”. Así, agradeceu a xenerosidade dos que deixan paso e tamén a implicación dos candidatos que chegan e dos que repiten. Neste punto, tivo palabras de agarimo para o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, número un por Ourense ao Senado, e para Fabiola García, actual responsable da área de Política Social e Igualdade do Goberno galego, que vai de número dous por A Coruña ao Congreso.
Durante a intervención, apelou á “vantaxe” de Galicia neste reto electoral, porque “coñece e recoñece a Alberto Núñez Feijóo”, xa que os galegos e galegas “saben que é unha boa persoa, que atende e resolve”, converténdose no “líder” que España precisa. Pola contra, lamentou “a falta de principios, manipulacións e negacións da realidade” que rodean ao actual presidente do Executivo central, Pedro Sánchez.
Tamén fixo un guiño á situación de Vigo, onde tamén goberna o sanchismo con Abel Caballero, polo que anima a Luisa Sánchez e ao seu equipo a seguir loitando polo cambio que virá despois das Eleccións Xerais, da man da “política sana e con principios do PP”.
“GALICIA NON VAI TOLERAR A VIOLENCIA”
O presidente de PPdeG tamén se referiu aos actos violentos que deixaron policías feridos e causaron numerosos altercados na Coruña e que o independentismo galego non condenou aínda. “Galicia non vai tolerar a violencia. Galicia non é esa, que o teñan claro os demais”, dixo.
Rueda lamentou a actitude dos “últimos mohicanos” que defenden a Sánchez “por riba de todo”, como o caso de Abel Caballero, pero tamén criticou a actitude dos “cómplices” do Goberno central, o BNG, que “se mantén bravo en Galicia e manso en Madrid”, sen que puideran dicir que conseguiron nada para Galicia. “Todo foi unha gran estafa e ten que rematar xa”, concluíu.
LUISA SÁNCHEZ: “A PAPELETA DE SÁNCHEZ E CABALLERO É A MESMA”
Pola súa banda, Luisa Sánchez recordou a vinculación de Alberto Núñez Feijóo coa cidade olívica e emprazou á militancia a “corresponderlle” nas urnas. Neste sentido, chamou a erixir ao PP na primeira forza política o próximo 29 de novembro. “Non aspiro a menos que iso. Imos conseguilo”, afirmou.
Ao respecto, remarcou que o propio PSOE vigués “xa asume que vai perder as eleccións”. Así se deduce da “fuga” do subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra, Abel Losada, ao Congreso e do “oco que xa lle reservaron nas listas municipais” do 23 de maio ao delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades.
A presidenta do PP local lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez foi “o peor da historia recente” para Vigo ao “illarnos por terra, mar e aire”. Ao respecto, citou os retrasos na conexión de alta velocidade con Portugal, a parálise que sofre a ampliación da autovía A-52, a negativa a outorgar a categoría de nodal ao porto vigués ou a fuga de voos pola suba de taxas aeroportuarias, entre outras. Do mesmo xeito, lamentou que o Goberno de España e Concello de Vigo non construísen unha soa vivenda na cidade nos últimos oito anos.
Tamén lamentou que, malia todos estes agravios, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, foi o primeiro en saír en defensa de Sánchez ao facer balance da lexislatura que agora remata. “Non podemos esquecer isto. Pedro Sánchez e Abel Caballero son o mesmo. A súa papeleta é a mesma. “E igual que acabaremos co socialismo no Goberno central, temos que acabar co socialismo no Goberno local”, dixo.
Ademais, reivindicou a representación viguesa nas listas do Partido Popular ao Congreso, agradecendo o “peso da cidade” no proxecto de Alberto Núñez Feijóo.