O cabeza de lista do PP ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, solicitoulle aos cidadáns un “apoio maioritario e unha confianza rotunda” en Alberto Núñez Feijóo o próximo 29 de novembro para que España recupere unha xestión eficaz, unha fiscalidade xusta e unha atención real ás necesidades da xente.
O número 1 da candidatura popular sinalou que o único voto útil para os 950.000 pontevedreses é o do PP “fronte a un PSOE ineficaz e neglixente nos servizos públicos e que leva oito anos castigando e discriminado á nosa provincia cos investimentos”; e a outras opcións políticas baseadas no extremismo, os seus socios como BNG.
Acompañdos pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e polo presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, os candidatos e candidatas ao Congreso e o Senado pola provincia de Pontevedra elixiron Vigo para lanzar as súas primeiras mensaxes na precampaña para as eleccións xerais.
Julio García Comesaña relatou algúns dos agravios e recortes de Pedro Sánchez con Pontevedra: unha provincia sen avións, estradas cheas de socavóns, trens con retrasos e avarías, as cidades de Vigo e Pontevedra sen as infraestruturas que precisan, un intento constante de acabar co noso litoral, un sector agrogandeiro sen defender en Europa, problemas na extensión axeitada de Internet e telefonía móbil, empresarios e autónomos asfixiados a impostos e uns cidadáns que tremen cando teñen que ir ao súper, botar gasolina ou pagar a electricidade. O candidatoavogou pola “experiencia de xestión demostrada” de Alberto Núñez Feijóo para que se atenda á provincia “tras máis de oito anos de abandono absoluto”.
PAULA PRADO: “DIMITIREMOS A SÁNCHEZ NAS URNAS”
A secretaria xeral do PPdeG reafirmouse en que o Partido Popular de Galicia ten o mellor equipo de candidatos e candidatas ao Congreso e ao Senado; sinaladamente, na provincia de Pontevedra, con Julio García Comesaña como número un polo Congreso e cun equipo, en ambas cámaras, que conxuga a experiencia de ter estado xa nas Cortes Xerais e a ilusión dos que se incorporan por primeira vez, contando con perfís mozos.
Neste sentido, puxo en valor que os populares cumpren coa súa palabra a diferencia do PSOE, como demostra a dimisión este martes do xa ex titular de Transporte, Óscar Puente, que asegurou que vén motivada polas enquisas desfavorables a raíz do accidente ferroviario de Urda. En todo caso, lembrou que “o verdadeiro culpable” é Pedro Sánchez, pois foi el quen situou tanto Puente como a José Luis Ábalos á fronte das infraestruturas españolas. “Dimitiremos a Sánchez nas urnas”, subliñou.
Paula Prado, quen insistiu en que os populares non pararán ata coñecer todas as explicacións e ter as garantías de que non se repitan traxedias como a de Urda e a de Adamuz, chamou a recuperar a decencia a partir do 29N, con Galicia como “o motor do cambio”, para deixar atrás a propaganda, a neglixencia e a indecencia, que encarnan o peor da política.
Un cambio -incidiu- que só garante Alberto Núñez Feijóo, como avalan os seus anos á fronte da Xunta, polo que o PP se erixe na “única opción útil” para evitar que Sánchez siga á fronte do Goberno, e devolver a Galicia todo o que lle arrebatou xunto aos seus socios do BNG estes oito anos coa súa política de recortes e castigo a nosa terra.
LUIS LÓPEZ: “NECESITAMOS FACER AS COUSAS MELLOR QUE NUNCA”
Finalmente, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, foi o encargado de pechar o acto de presentación dos candidatos ao Congreso e ao Senado, no que lle pediu aos cidadáns “que rematen con este ciclo negro” e que aposten polo Partido Popular e por Alberto Núñez Feijóo “como única solución de futuro para non ter que lamentar que veñan outros catro anos perdidos máis para a provincia e para Galicia”.
Lembrou que o PP “é o partido favorito dos pontevedreses pola súa proximidade e porque realmente é o único que os escoita, entende e atende” e anunciou que todos os militantes “darán o mellor de si mesmos” nas próximas semanas para volver gañar as eleccións despois de facelo en todas as convocatorias que houbo na presente década. “Necesitamos facer as cousas mellor que nunca para obter un resultado histórico e contribuír ao cambio político que precisa España da man de Alberto Núñez Feijóo”, manifestou.