O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe a necesidade de que Cangas contribúa a ser “motor de cambio”, como o resto de Galicia, para que España teña como presidente do Goberno a Alberto Núñez Feijóo. Así o manifestou durante a inauguración da nova sede do PP de Cangas, onde aproveitou para felicitar á presidenta da Xunta Xestora do PP local, Loli Hermelo, polo seu traballo a prol da veciñanza, que, augura, a recompensará nas urnas como futura alcaldesa nas eleccións municipais de 2027.
Así o manifestou durante a súa visita á vila, acompañado tamén polo presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e o cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Julio García Comesaña. O presidente do PPdeG animou aos cangueses a ser parte do “importantísimo reto do 29 de novembro” para “botar fóra ao Goberno dos escándalos”. Unha cita electoral trala que virá despois o reto das municipais, para o que, dixo, “non hai mellor perfil que Loli Hermelo para poñer a funcionar este concello”, confirmándoa como a candidata á Alcaldía nos próximos comicios municipais de maio de 2027. Sobre a candidata, valorou o a súa experiencia, o seu “traballo sen descanso” e as súas ganas de “dalo todo por Cangas”.
Para Rueda, a cita coas urnas do 29 de novembro resulta “fundamental” para poñer fin ao Goberno “dos Koldos, dos Ábalos, das Leires e dos chóferes”. Igualmente, lamenta que o Executivo de Sánchez e os seus socios quedase “de brazos cruzados” ante a invasión de Ceuta ou que leve ás súas costas dúas traxedias terribles na Alta Velocidade en menos dun ano.
“O 29N é o primeiro reto, que superaremos. E o próximo obxectivo serán as municipais, nas que aspiramos a todo”, insistiu Rueda. No caso de Cangas, salientou que a veciñanza “merece un goberno mellor, serio, con capacidade de xestión”, como o proxecto que ofrece Loli Hermelo e o seu equipo.
Respecto aos retos electorais, tamén animou a “non confiarse”, subliñando que as eleccións non se gañan “nas enquisas nin por anticipado”, poñendo en valor o traballo de concellos, vilas e cidades.
Para o presidente do PPdeG, o proxecto de Alberto Núñez Feijóo é o único “sólido” e representante da “política útil como a que facemos en Galicia”. Pola contra, o PSdeG é meramente un “embaixador do sanchismo en Galicia” e o BNG é o representante do “non a todo o que sexa progreso para a nosa terra”.
LUIS LÓPEZ RESALTA O “PERIFL IDÓNEO” DE LOLI HERMELO PARA LIDERAR O CAMBIO EN CANGAS
Pola súa banda, o presidente do Partido Popular de Pontevedra, Luis López, aproveitou o marco da inauguración da nova sede local para poñer en valor a Loli Hermelo, quen ademais de ser a candidata do Partido Popular de Cangas do Morrazo para os comicios municipais, tamén será a próxima alcaldesa de todos os cangueses e canguesas», proclamou o líder provincial.
Na súa intervención, Luis López puxo en valor a traxectoria e o compromiso da xa candidata oficial, destacando que «non se me ocorre mellor candidata que alguén que se está a bater o cobre por Cangas aquí, e mesmo no Parlamento de Galicia». Nese sentido, subliñou que Hermelo representa o perfil idóneo para liderar o cambio político no municipio: «Non se me ocorre ninguén mellor para devolver a estabilidade a Cangas que alguén que é capaz de unir equipos e sensibilidades; unha persoa que lidera, que pilota proxectos e que pensa en Cangas antes que en nada», indicou.
Segundo explicou tamén Luis López, a nova sede canguesa concíbese como un espazo aberto á participación cidadá, deseñado para canalizar as propostas e necesidades dos veciños. «O plan é ambicioso e tamén imprescindible», subliñou López. «Se queremos decorar esta nova sede cun triunfo en maio de 2027, non queda outra que abrir estas portas de par en par á xente e ás ideas, e non pechalas nunca».
LOLI HERMELO ASUME O RETO “CON HUMILDADE E RESPONSABILIDADE”
Por último, Loli Hermelo agradeceu a confianza do presidente do PPdeG e do resto de representantes do partido. Ademais, asegurou asumir este reto «coa máxima humildade e cunha responsabilidade inmensa».
«Temos equipo, temos ganas e temos un proxecto real para devolverlle a Cangas o liderado e a ilusión que merece», afirmou a candidata popular, quen dixo que os populares locais porán tamén todo da súa parte “para elevar a Alberto Núñez Feijóo á Presidencia do Goberno de España”.