O eurodeputado do PPdeG Adrián Vázquez defendeu hoxe en Friol ante os gandeiros que o Partido Popular cumpriu en Bruxelas o seu compromiso electoral de quitar burocracia ao campo, cunha simplificación da PAC que xa está en vigor. Sinalou que unha “explotación gandeira non ten que ser unha xestoría”, remarcando que en Europa xa se logrou e que Alberto Núñez Feijóo o completará no Goberno. Vázquez lembrou que as cargas que máis pesan hoxe nunha granxa galega non veñen de Europa, senón dos decretos do Goberno de Pedro Sánchez. Por iso pediu o voto para Alberto Núñez Feijóo o 29 de novembro: “para rematar en Madrid o traballo que xa fixemos en Europa”.
Así o manifestou nun encontro co sector gandeiro celebrado en Friol, presentado polo seu alcalde, José Ángel Santos. É a segunda cita deste tipo de encontros. Onte o eurodeputado estivo en Mazaricos, o concello que máis leite produce de Galicia, xunto ao voceiro municipal do PP, José Manuel Caamaño.
Vázquez explicou que a simplificación da PAC (o chamado Ómnibus) foi impulsada polo Partido Popular Europeo e saíu adiante nuns sete meses, “un tempo récord en Bruxelas”. Con ela, cada explotación terá como máximo unha inspección presencial ao ano, con máis control por satélite. As de 10 hectáreas ou menos quedan fóra dos controis e sancións de condicionalidade. O pagamento ás pequenas explotacións sobe de 1.250 a 3.000 euros, a axuda ao desenvolvemento empresarial pasa de 50.000 a 75.000 euros e os Estados poderán destinar ata un 3 % do seu plan a axudas de crise por catástrofes ou enfermidades animais.
“Dixemos en campaña que iamos quitar burocracia ao campo e fixémolo: ata 1.580 millóns de euros ao ano de aforro para os agricultores e gandeiros europeos”, afirmou o eurodeputado lalinense.
“MENOS PAPEIS EN EUROPA, PERO TAMÉN EN MADRID”
O eurodeputado contrapuxo ese traballo coa política do Goberno de Sánchez. “Mentres en Bruxelas quitamos papeis, o Ministerio de Agricultura de Sánchez vólveos poñer”, lamentou. Citou o decreto de ordenación de granxas bovinas, o de nutrición sostible e a obriga de rexistrar cada aplicación de xurro, esterco ou abono desde o 1 de xaneiro, no prazo dun mes.
Ao seu xuízo, son normas “de despacho, que non se adaptan a Galicia”. Ilustrouno cun exemplo: cun criterio de 2 UGM por hectárea farían falta granxas de 400 hectáreas, “e en Galicia non hai ningunha”. Nesa liña, asegurou que un Goberno de Feijóo aplicará en España a simplificación europea sen engadir trámites propios e adaptará as normas de granxas e xurros á realidade de Galicia.
Vázquez referiuse tamén á PAC a partir de 2028. Lembrou que o Parlamento Europeo aprobou o informe da eurodeputada do PP Carmen Crespo, que rexeita o fondo único e defende unha PAC con orzamento propio e sen recortes. Ademais, o PPE propón subir o teito de axudas de 100.000 a 500.000 euros “para non castigar as granxas profesionais, que son as que sosteñen o rural galego”. “O diñeiro da PAC ten que estar garantido en Bruxelas e chegar a tempo. Unha PAC que dependa do Goberno de quenda é unha PAC máis fráxil, e con Sánchez iso significa máis incerteza”, advertiu.