O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, subliñou que, cando queda unha semana para que remate a campaña electoral, toca seguir traballando “a tope”, e non levantar “o pé do acelerador”, para levar a Alberto Núñez Feijóo á Moncloa e ter, despois de oito anos de sanchismo, un Goberno “honesto, transparente e con palabra”. En definitiva, ratificar nas urnas a vitoria que obtivo Feijóo no seu cara a cara da véspera, onde ofreceu unha imaxe de “presidente”, solvente e con proxecto, fronte a un “Sánchez derrotado”, incapaz de defender a súa xestión.
Así o dixo Rueda no mitin celebrado en Redondela que inaugurou o candidato popular á Alcaldía deste concello, Javier Bas, e no que participaron a número 2 da candidatura do PP ao Congreso por Madrid, Cayetana Álvarez de Toledo, e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López. Tamén asistiu o cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, así como outros membros da candidatura e cargos do partido.
O presidente do PPdeG celebrou que “toda España” puido comprobar, a través do televisor, que Feijóo será un presidente que gobernará “para todos”, e non para os seus socios, como fixo estes últimos oito anos Pedro Sánchez. Socios como Carles Puigdemont, quen cualificou ao presidente do Goberno de “amoral”.
En contraposición a Sánchez, que está disposto a “vender España” a cambio dun “sillón”, Rueda eloxiou a valentía de políticos como Cayetana Álvarez de Toledo, á que agradeceu que nunca se bote atrás ante os “matóns”, como fai tamén no País Vasco o candidato por Guipúzcoa, Jon Echeverría.
Rueda asegurou que o Partido Popular ten proxecto e un equipo forte e unido, o que gañará nas urnas o 29 de novembro con Galicia como “motor” do cambio para darlle a España o presidente que “merece”. Por iso insistiu en aproveitar cada minuto do que resta de campaña e dalo todo no sprint final.
LUIS LÓPEZ: “PONTEVEDRA É CLAVE PARA O CAMBIO NECESARIO”
Pola súa banda, o presidente provincial do PPdeG, Luis López, apelou ao voto útil, xa que lembrou que a circunscrición de Pontevedra “é unha das consideradas clave en toda España para o cambio necesario, que pasa exclusivamente pola papeleta do PP”. “A persoa que teña claro que non quere que siga Sánchez, o que ten que saber é que, na provincia de Pontevedra, iso só se consegue co voto ao PP, calquera outra opción favorece a continuidade de Sánchez na Moncloa”, advertiu.
Ademais, Luis López tamén advertiu de que Redondela sufre dobremente o “desgoberno” que padecen todos os españois con Pedro Sánchez, xa que á mala xestión e abandono do presidente do Goberno “engádese un executivo municipal moi parecido, conformado por unha coalición de perdedores á que só lle importan os seus intereses”. Neste sentido reclamou un apoio maioritario dos redondeláns a Alberto Núñez Feijóo “para iniciar nesta vila o cambio necesario que, no próximo mes de maio, se plasmará noutro na Alcaldía coa chegada do PP”.