A Comisión 3ª do Parlamento de Galicia aprobou hoxe o ditame dos proxectos de Lei de orzamentos da Comunidade galega para 2026 e de medidas fiscais e administrativas, co que ambos textos lexislativos quedan pendentes da súa aprobación definitiva no Pleno ordinario da vindeira semana.
Os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano ascenden a 14.240 millóns de euros, a cifra máis alta da historia da Comunidade galega e dos que tres de cada catro euros destinaranse a sanidade, educación, políticas sociais e emprego: 10.600 millóns de euros, cos que seguir avanzando no fortalecemento do Estado do Benestar.
Así mesmo, os orzamentos manteñen as rebaixas fiscais das que gozan os galegos de anos anteriores, ás que se suman outras novas dirixidas aos colectivos máis vulnerables, como a eliminación no IRPF da cota íntegra autonómica das axudas aos afectados por ELA, a talidomida ou das persoas prexudicadas polos incendios forestais do pasado verán, así como as deducións para libros e material escolar.