O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación do complemento extraordinario de 206 euros para os perceptores de pensións non contributivas da Seguridade Social, no cal o Goberno galego investirá case 8,2 millóns de euros. Un complemento que, segundo precisou, chegará a arredor de 40.000 persoas, entre perceptores de pensións non contributivas, do Fondo de Asistencia Social e do Subsidio de Garantía de Ingresos Mínimos.
Na rolda de prensa do Consello, Feijóo afirmou que esta axuda, que se ingresará de oficio a todos os beneficiarios que reúnan os requisitos, nun pago único en xaneiro e sen necesidade de efectuar solicitudes ou levar a cabo ningún trámite adicional, beneficiará a un colectivo que o necesita moi especialmente. Cómpre sinalar que é Galicia a comunidade que complementa co importe máis elevado a cada pensionista.
Máis polo miúdo, esta achega beneficiará aos pensionistas de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, a persoas anciáns e enfermas con incapacidade para o traballo beneficiarias de axudas periódicas e ás persoas con minusvalía que perciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos. “Todos eles, arredor de 40.000 persoas, percibirán este complemento nos primeiros dez días do mes de xaneiro”, precisou, ao que engadiu que manter este complemento seguirá a ser unha das prioridades do Goberno galego.