14, novembro, 2018. Adrián Pardo, presidente de Novas Xeracións de Galicia, amosou a súa preocupación sobre o anuncio do Goberno central de volver a un sistema educativo baseado na LOGSE e que aposta “pola mediocridade en lugar de buscar a excelencia educativa”.
Neste senso, o líder das xuventudes do PPdeG, reivindica o modelo de Galicia, equitativo e que garante unha educación de calidade, fronte a “contrarreforma” impulsada polo executivo de Pedro Sánchez, que suporá retornar a taxas de paro xuvenil desorbitadas. É por iso polo que insta a que se tome como referencia o modelo galego: “En 10 anos, pasamos de ser unha das autonomías cun sistema educativo nefasto e ideoloxizado polo bipartito a ser unha das comunidades con mellores datos en rendemento académico”.
Para Pardo, que recordou o acerto da LOMCE na mellora da calidade educativa e na caída do fracaso escolar, o modelo educativo “made in PSOE” unicamente vai tratar de impor ideoloxía nas aulas en lugar de coñecementos. E é que tal e como salientou, con este goberno, son os independentistas cataláns e os populistas de Podemos os que marcan o rumbo da educación en España.
O líder das xuventudes populares dixo que o mellor exemplo que pode tomar o actual presidente do Goberno é o sistema educativo galego que, na última década, baixou en máis de dez puntos a taxa de abandono escolar. Tamén, destacou a forte aposta pola ensinanza plurilingüe, estendéndoa máis aló das ensinanzas obrigatorias, é dicir, tamén en infantil, bacharelato e formación profesional; e a educación dixital.
Do mesmo xeito, Adrián Pardo recalcou que a nosa comunidade é un referente na Formación Profesional e destacou que o 77% dos alumnos que estudan un ciclo atopan despois un traballo estable, “unha porcentaxe que se eleva ao 90% na FP Dual”. Nesta mesma liña e segundo reflicten os últimos informes PISA, “Galicia pode presumir de contar co sistema educativo máis equitativo de España”, onde case o 92% do alumnado con necesidades educativas especiais está integrado, favorecendo deste xeito a igualdade de oportunidades.
Pardo aplaude que desde a Xunta de Galicia se siga traballando na mellora do sistema educativo con programas como Talento 2021, que agrupa axudas á formación e á contratación, e do que se beneficiarán 1.500 mozos e mozas con gran potencial.