O Partido Popular de Galicia denuncia un “plan encuberto” por parte do Goberno central para “desmantelar” á Garda Civil e aféalle a súa actitude cara os efectivos deste Corpo: “Pedro Sánchez está máis preocupado por protexerse a si mesmo que por protexer a quen nos protexe”
Faino logo de que a secretaria xeral Paula Prado mantivese unha reunión con Diego Madrazo e Olaya Salardón, secretario xeral en Galicia e secretaria nacional de relacións institucionais da Asociación Unificada de Gardas Civís (AUGC), para recoller as súas demandas e compartir a súa preocupación ante “os recortes que o Goberno de Sánchez está a aplicar na seguridade dos galegos e galegas”.
“Recortes como que cada día falten máis de 1.000 gardas civís en Galicia porque nin se cobren as vacantes nin se amplían as plantillas, como que se pechen cada vez máis cuarteis e postos auxiliares nos concellos rurais ou como que se reduzan os horarios de atención presencial e se substitúa aos axentes por aplicacións móbiles ou mesmo avatares”, explica a número dous dos populares galegos.
Ante esta situación, asegura, o Partido Popular de Galicia ten claro que “é necesario protexer a quen nos protexe e iso pasa tanto por dotar de máis medios materiais e persoais á Garda Civil como por mellorar as súas condicións laborais”.
Sobre a mesa están cuestións como a protección da saúde mental dos axentes ou a adaptación “á europea” do modelo que rexe á Benemérita para garantir o exercicio efectivo dos dereitos fundamentais dos seus integrantes, así como que se deixe de aplicar o Código Penal Militar en actuacións que se produzan fóra do ámbito laboral.
EN DEFENSA DA INDEPENDENCIA DA UCO
Paula Prado tamén denuncia “as difamacións, as presións e o cuestionamento” aos que o Goberno central somete a organismos independentes como a Unidade Central Operativa (UCO) cando “precisamente traballa por protexer á nosa democracia fronte á inmoralidade da corrupción”.
Un “apoio decidido” a esta unidade que o responsable de AUGC en Galicia, Diego Madrazo, agradece especialmente nun momento no que a UCO non conta co apoio nin da Secretaría de Estado de Seguridade nin do Ministerio do Interior.