O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a proposta dun sistema de concerto económico para Galicia que demanda o BNG supón “sacrificar o benestar e a prosperidade dos galegos para alcanzar o paraíso nacionalista dunha Galicia independente”.
Alberto Pazos lembrou que a proposta de concerto económico para Galicia “é unha alternativa carente de todo respaldo e que foi desaconsellada por todos os expertos que coinciden unánime e categoricamente en que este sistema é letal para Galicia e que suporía unha perda de recursos inasumible”.
En concreto, o portavoz popular referiuse ao recente análise realizado polo Foro Económico de Galicia, que descarta radicalmente o concerto económico por supoñer unha perda de financiamento de entre 2.128 e 2.647 millóns de euros; ao informe elaborado por Ángel de la Fuente para Fedea no que advirte, con datos de 2015, dunha perda de financiamento para Galicia de entre 1.400 e 1.600 millóns de euros; ou á práctica totalidade de expertos que compareceron na Comisión de estudo sobre o financiamento autonómico realizada neste Parlamento, que desbotaron este cupo que nos conduciría a unha gravísima insuficiencia financeira. “A pesar desta unanimidade, o BNG nos propón desoír toda a evidencia científica para embarcarnos nun experimento baseado no puro fanatismo, apoiándose na única opinión dun licenciado en económicas”, indicou.
Pazos lembrou que desde o Goberno galego e desde o Grupo Popular “levamos tempo reivindicando un novo sistema de financiamento autonómico máis xusto, máis equilibrado e que atenda mellor as nosas necesidades”. “Unha proposta, baseada nos principios de solidariedade e de igualdade entre os españois, que estableza como eixo fundamental de cálculo o custe real da prestación de servizos públicos, e que compense adecuadamente factores como o avellentamento e a dispersión, que tanto elevan ese custe”, apuntou.
Para rematar, o portavoz popular lamentou que “hoxe volvemos a debater sobre o xa debatido, porque forma parte do proceso de volta ás esencias do BNG, para quen é máis importante reivindicar a independencia de Galicia que reivindicar recursos para a dependencia dos galegos; é máis importante atender as consignas da UPG que as necesidades reais dos galegos; e é máis importante reclamar as chaves da caixa que garantir que haxa cartos dentro desa caixa”.