O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, cualificou hoxe de “vergoñento o sometemento do delegado do Goberno en Galicia e de todos os socialistas galegos ao Goberno de Pedro Sánchez, negando o evidente prexuízo que suporía un hipotético concerto para Cataluña”. “Mellor lles iría se, en vez de seguir a cegas á ministra de Facenda e ao Presidente de Cataluña, fixeran caso aos informes dos expertos, como o ex Presidente e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, que cuantificou en máis de 2.000 millóns de euros o prexuízo que suporía para Galicia a extensión deste cupo catalán”, indicou.
Alberto Pazos respaldou o informe sobre o impacto do concerto catalán para a Comunidade galega, en concreto, máis de 600 millóns de euros, unha cifra que se asemella aos estudos realizados por entidades como Fedea ou o Foro Económico de Galicia, polo que “non entendemos as razóns polas que os socialistas galegos, con Besteiro e o delegado do Goberno en Galicia, defenden con tanto énfase este ataque ao peto de todos os galegos por parte do Goberno de Pedro Sánchez”.
“Pedímoslles seriedade e que se deixen de demagoxia e mentiras, porque de levarse a cabo este acordo entre o Goberno central e o Goberno catalán, co único obxectivo de manter a Pedro Sánchez na Moncloa, Galicia verá mermada sensiblemente as súas posibilidades económicas para a prestación de servizos indispensables para todos os galegos, como poden ser as prestacións aos dependentes ou a atención aos nosos maiores”, anotou.