O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, lamentou hoxe que BNG e PSdeG “estean máis preocupados por poñerse medallas do acordo asinado para a investidura de Pedro Sánchez que de responder por que non figura neste pacto a transferencia a Galicia da AP-9; a aprobación do estatuto das industrias electrointensivas, que beneficie a empresas como Alcoa ou Stellantis; a concesión de fondos europeos para proxectos tractores de Galicia, como o de Altri, a reposición de traballadores públicos, sobre todo no ámbito sanitario; ou a rebaixa do prezo da luz”.
Alberto Pazos comezou a súa comparecencia ante os medios felicitando aos organizadores e agradecendo a presenza de centos de milleiros de persoas que no día de onte participaron de forma masiva e cun comportamento exemplar nas 52 manifestacións simultáneas convocadas polo Partido Popular que se celebraron por toda España, “nas que se puxo de manifesto que non nos rendemos e non calaremos ante os pactos de Pedro Sánchez cos independentistas, comprando a súa investidura a cambio da impunidade xudicial dos seus socios cataláns, pagada cos impostos de todos os españois”.
Así mesmo, incidiu, como fixo o Grupo Popular no último Pleno do Parlamento galego, na condena a calquera ataque contra as institucións públicas ou contra as sedes de calquera formación política, así como as ameazas, insultos e ataques aos seus membros. Ademais, expresou “o noso apoio ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado no cumprimento efectivo das súas funcións e na defensa da orde pública constitucional, e en consecuencia, manifestar o noso rexeitamento á concesión de calquera medida de gracia en favor de persoas procesadas ou condenadas por atentar, agredir ou vexar aos seus membros”.
“Pero, lamentablemente, Pedro Sánchez vai seguir o seu camiño, porque o seu único obxectivo é continuar na poltrona de Moncloa, cedendo a todas a cada unha das esixencias dos independentistas”, sinalou o portavoz popular. A modo de exemplo, citou a aprobación dunha amnistía para todos os relacionados coa declaración de independencia de Cataluña; a internacionalización do conflito, coa figura estrela de mediadores internacionais; a aceptación dun diálogo singular con Cataluña sobre o financiamento autonómico, que exclúe ás demais comunidades desta negociación; a ruptura da caixa única da Seguridade Social; o lawfare, negando que España sexa un Estado de Dereito, suprimindo a división de poderes e afirmando que se están perseguindo a políticos polas súas ideoloxías; e a submisión plena ao discurso independentista, co recoñecemento de Cataluña como nación, a celebración dun referendo de autodeterminación ou concesión dunha fiscalidade propia para Cataluña;
ACORDO REBAIXADO
A nivel de Galicia, Alberto Pazos criticou que “asistimos con perplexidade á patética liorta entre a señora Pontón e o señor do Garañón por atribuírse os dubidosos méritos do apoio do BNG a Pedro Sánchez, a cambio dun acordo que rebaixa considerablemente o asinado en 2020”. En concreto, cuestionouse “a cal dos dous lle podemos atribuír o feito de que no acordo deste ano se retirara o traspaso da AP-9 a Galicia?; de quen foi a idea de que no novo acordo non figure nin unha liña relacionada coa transición enerxética e a aprobación dun estatuto da industria electrointensiva, tan necesario para empresas como Alcoa ou Stellantis?; a quen dos dous se lle esqueceu meter no acordo a concesión dos fondos europeos necesarios para que proxectos como o de Altri sexan unha realidade?; onde quedou a súa preocupación polo bo funcionamento dos servizos públicos, mellorando as taxas de reposición en asuntos tan fundamentais como a sanidade?; ou a quen se lle esqueceu as compensacións tarifarias ás comunidades autónomas excedentarias de enerxía eléctrica para abaratar a factura da luz aos usuarios e ás empresas?”.
“Mágoa que a señora Pontón e o señor do Garañón estean máis preocupados por poñerse medallas con este acordo, pero se esqueceran do que realmente preocupa á gran maioría dos galegos: que están dando o seu apoio a Pedro Sánchez para que volva a ser Presidente do Goberno de España e continúe prexudicando a Galicia en todas as súas decisións, como todos os galegos xa puidemos comprobar ao longo dos últimos catro anos”, manifestou.
GALICIA, PIONEIRA EN IGUALDADE DE XÉNERO
Por outra parte, Alberto Pazos avanzou que no Pleno da vindeira semana procederase ao debate de aprobación do proxecto de Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que chega ao Pleno logo da aprobación do ditame en Comisión coa abstención tanto de BNG como de PSdeG a pesar de que o Grupo Popular incorporou ao texto definitivo 63 emendas realizadas por nacionalistas e socialistas.
Ademais, este texto lexislativo someteuse a consulta de 52 entidades representativas do sector, ao tempo que contou co ditame do Consello Galego de Relacións Laborais e do Consello Económico e Social, ademais de ser negociado na Comisión de Persoal e con audiencia á Valedora do Pobo. O resultado de todas estas consultas foi a incorporación de máis de 200 alegacións realizadas por todas estas entidades ao texto orixinal, enriquecendo o seu contido antes da súa aprobación polo Goberno galego e a súa remisión ao Parlamento galego.
“Con esta nova lei, Galicia volve a ser pioneira situándose á vangarda da loita contra calquera discriminación contra a muller, ao tempo que blinda o compromiso da Comunidade galega co benestar integral da muller, impulsando o seu empoderamento en ámbitos da sociedade nos que aínda persisten desigualdades, como o salario, a ciencia, o teito de cristal, o deporte, a xestión do ocio ou os espectáculos”, explicou o portavoz popular.