O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, denunciou hoxe os novos ataques realizados polo Goberno central para prexudicar o futuro do sector industrial galego e a atención que reciben as persoas dependentes. En concreto, avanzou que “solicitaremos que a provincia de Lugo non quede fora da nova planificación eléctrica estatal ata 2030”, ao tempo que considerou “incompresible” o recurso de inconstitucionalidade que o Goberno de Pedro Sánchez anunciou para paralizar a repotenciación dos parques eólicos e as homologacións automáticas dos expedientes de dependencia e discapacidade que se realizan en Galicia.
Alberto Pazos lembrou que a nova planificación eléctrica prevista ata 2030 “atende razoablemente as demandas realizadas desde o Goberno galego para as provincias de A Coruña, Pontevedra e Ourense, pero deixa fora e sen a posibilidade de albergar novos proxectos industriais no futuro a toda a provincia de Lugo”.
CASTIGO POLÍTICO A LUGO
“É intolerable que a decisión política e sectaria de vetar a posta en marcha do proxecto de Altri en Palas de Rei, conleve que toda unha provincia como a de Lugo se quede fora do mapa industrial galego, condenándoa a que nos próximos anos non se poida instalar ningunha industria de mediano ou gran tamaño en territorio lucense por falta dun subministro eléctrico axeitado”, manifestou.
Deste xeito, anunciou que desde o Grupo Popular “non imos permanecer parados ante esta situación e desde o Parlamento galego imos solicitar que Lugo non quede á marxe da nova planificación eléctrica estatal”, porque afirmou que esta decisión “só se entende como castigo político a esta provincia, precisamente a provincia á que representa o secretario xeral dos socialistas galegos, que sorprendentemente anunciou a bombo e prato esta decisión do Goberno central como unha gran vitoria para botar abaixo o proxecto de Altri aínda que sexa a costa de enterrar o futuro industrial da súa provincia”.
“Lugo non merece que os seus representantes poñan os seus intereses políticos por enriba dos intereses de todos os lucenses, e o señor Besteiro demostrou o pouco que lle importan os lucenses e o moito que lle debe a Pedro Sánchez para seguir na política galega”, lamentou.
RECURSOS DE INCONSTITUCIONALIDADE
O portavoz popular engadiu que, “se a decisión do Goberno central de deixar a Lugo fóra da planificación eléctrica para os anos 2025-2030 é preocupante, non o é menos o anuncio de que presentará recurso de inconstitucionalidade polos artigos da Lei de acompañamento que aprobamos o pasado ano e que recollen medidas no ámbito da dependencia e do sector eólico”.
Alberto Pazos considerou “incomprensible que o Goberno de Pedro Sánchez vaia presentar un recurso de inconstitucionalidade o proceso de homologacións automáticas dos expedientes de dependencia e discapacidade, unha medida que copiou para implantala a nivel estatal e que nos oito primeiros meses deste ano permitiu que en Galicia se recoñecese o grao de discapacidade sen ter que facer papeleo algún a máis de 9.300 persoas dependentes”.
Neste sentido, criticou que esta medida “non pode paralizarse por unha decisión arbitraria do Goberno de Pedro Sánchez, que parece máis preocupado pola perda de recadación que suporá a implantación destas homologacións automáticas que por axilizar a atención ás persoas dependentes”.
Respecto do recurso de inconstitucionalidade que o Goberno central tamén anunciou contra o proceso de repotenciación dos parques eólicos que está a impulsar a Xunta, Alberto Pazos indicou que esta decisión “paralizará a substitucións dos aeroxeneradores existentes na actualidade por outros de maior potencia, o que permitirá reducir o número de muíños existentes e a conseguinte contaminación visual”.
“Resulta lamentable que, unha vez superadas as trabas xudiciais que bloqueaban o desenvolvemento do sector eólico en Galicia, sexa agora o Goberno de Pedro Sánchez o que torpedee o futuro deste sector ao recorrer unha medida que só busca reducir o impacto ambiental e aumentar os beneficios económicos e sociais na contorna dos parques eólicos”, manifestou.
O portavoz popular anotou que esta decisión demostra que o Goberno central “está máis do lado dos intereses de determinadas promotoras que non estaban de acordo coa decisión da Xunta respecto da repotenciación dos parques eólicos, que do lado dos cidadáns e do coidado do medio ambiente”.
EXPEDIENTE EUROPEO DA AP-9
Alberto Pazos sinalou que estas medidas adoptadas esta semana polo Goberno de Pedro Sánchez coñecéronse “cando aínda estamos asumindo o seu desinterese para rescatar e facer gratuíta a AP-9, aproveitando o ditame da Unión Europea sobre a nulidade das ampliacións das concesións feitas desta autoestrada”. Así, considerou esta decisión “inexplicable cando, segundo o estudo elaborado pola Xunta, o custo do rescate da autoestrada é semellante ao que se deberá abonar polas peaxes na sombra ata o remate da concesión, co agravante de que cada día que pasa o lucro da concesionaria se incrementa, na mesma medida que se incrementa o prexuízo para os galegos e os seus usuarios”.
Diante desta situación, Pazos criticou que o Goberno de España siga sen facer público o expediente aberto pola Comisión Europea en relación á xestión da AP-9. “Estamos a falar dun expediente que se iniciou hai máis de seis anos e do que non sabemos absolutamente nada, a pesar de que Galicia é parte afectada e temos todo o dereito a coñecer todo o relacionado con este expediente”, manifestou, para demandar que traslade á Xunta toda a información sobre este expediente aberto pola Comisión Europea, de xeito que o Goberno galego poida adoptar as medidas oportunas e poder comprobar, ao mesmo tempo, se as medidas adoptadas polo Goberno de España foron as correctas e en beneficio de todos os galegos”.