O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, salientou hoxe que en Galicia, “a diferenza do que ocorre noutras latitudes”, a axuda, antes de que a pidan, sempre está en camiño, facendo alusión á dilixencia da Xunta na loita contra a vaga de lumes máis extraordinaria que sufriu e continúa a sufrir Galicia nos últimos días.
“O Goberno galego liderou unha resposta áxil, firme e eficaz: puxo en marcha o mellor dispositivo antiincendios da nosa historia, activou as primeiras medidas de emerxencia, solicitou desde o primeiro momento a colaboración de todas as administracións e definiu o alcance das perdas e a necesaria restitución das zonas afectadas co obxectivo de convocar axudas de xeito inmediato”, indicou Alberto Pazos.
PRESIDENTE RUEDA Á ALTURA DO QUE O PAÍS NECESITA
O portavoz popular destacou que Galicia contou co liderado do presidente Alfonso Rueda, “á altura do que o país necesita”, quen desde o primeiro momento estivo ao fronte do dispositivo, informando, coordinando e avaliando o apoio necesario á cidadanía, liderando con decisión, prontitude e proximidade.
Engadiu que a Xunta puxo en marcha de inmediato as primeiras axudas de emerxencia para os gandeiros e traballa xa na definición de novas liñas destinadas a vivendas, explotacións, establecementos, infraestruturas e outros ámbitos, ademais das actuacións de restitución nas zonas afectadas. Pazos subliñou a eficacia dun dispositivo que cualificou como o mellor da historia de Galicia, un referente nacional que se activou con rapidez e actuou con rigor nun contexto excepcional, agravado por condicións meteorolóxicas adversas e por unha vaga de lumes que continúa afectando outras comunidades autónomas e distintos países do sur de Europa.
Recordou que o operativo está formado por máis de 3.000 profesionais do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais, máis de 200 bombeiros, GES e protección civil, 343 efectivos de brigadas municipais, 380 motobombas, 36 buldózer, 32 medios aéreos, ademais da Policía Autonómica, a UME e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Pazos subliñou tamén que Galicia solicitou antes que ninguén axuda á Unión Europea e reclamou ao Goberno do Estado unha maior implicación, ao tempo que lamentou que desde Madrid se tardase en enviar efectivos e se optase por críticas e anuncios baleiros en lugar de reforzar a colaboración.
O portavoz popular indicou que “mentres o presidente da Xunta asumía a coordinación do operativo e a avaliación dos danos, outros optaron por non interromper as súas vacacións nin apoiar aos equipos despregados”.
Criticou, deste xeito, a actitude dunha oposición en Galicia aliada á “manipulación dunha catástrofe” fronte ao traballo serio e rigoroso da Xunta.
A OPOSICIÓN DO RUÍDO E O ALBOROTO
Engadiu que en lugar de arrimar o ombreiro, houbo quen eludiu responsabilidades e quen priorizou promover protestas, facendo ruído no canto de axudar. “Galicia non merece unha oposición así: BNG e PSdeG limitaron a súa resposta ao que mellor saben facer ante calquera problema que xurde en Galicia: ruído e alboroto”, sinalou.
Pazos lembrou que na axuda que sempre está en camiño en Galicia non ten cabida a manipulación nin o uso partidista dunha traxedia. “Ese nunca será o noso proceder” afirmou, convencido de que Galicia sairá adiante, como fixo sempre, con unidade, co esforzo colectivo de todos e coa solidariedade que caracteriza ao pobo galego.
Finalmente, trasladou no seu nome e no do PPdeG o máis profundo agradecemento aos profesionais que loitaron e seguen a loitar contra o lume, día e noite, polo seu esforzo, entrega e valentía, así como aos voluntarios, ás asociacións veciñais e a todos os galegos e galegas que, coa súa colaboración, fixeron posible manter a esperanza nos momentos máis difíciles. Destacou que, unha vez máis, quedou demostrado que a forza e a solidariedade do pobo galego son inmensas.