O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, lamentou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “todos os avances que se produciron na sanidade galega nos últimos anos tiveron lugar sen o apoio de BNG nin de PSdeG”. “Galicia dispón de excelentes profesionais, de centros sanitarios modernos e tecnoloxicamente ben dotados e de xestores sanitarios de probada eficacia, e por iso somos unha das mellores sanidades públicas de España e a que máis evolucionou desde 2010”, salientou, referíndose a datos publicados pola Federación de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública (FASDP).
Alberto Pazos explicou o voto favorable do Grupo Popular a unha moción do PSdeG debatida hoxe no Pleno sobre a política de recursos humanos no Servizo Galego de Saúde porque “equivale a apoiar a nosa folla de ruta para mellorar as condicións do persoal sanitario e da propia sanidade galega”. En concreto, referiuse a medidas implantadas como a carreira profesional, a oferta de contratos de tres anos para residentes, as melloras retributivas acordadas na mesa sectorial ou a convocatoria por concurso de méritos para prazas de difícil cobertura.
“Se todos recoñecemos esta realidade, tal vez podamos compartir as reivindicacións que desde hai anos lle estamos a facer ao Ministerio de Sanidade para resolver o déficit de profesionais que sufre toda a sanidade española”, manifestou o portavoz popular, que citou a convocatoria extraordinaria de prazas MIR, a creación da especialidade de urxencias ou a mellora no sistema de adxudicación de prazas MIR.
Para rematar, Alberto Pazos salientou que, “en contra das negras e recorrentes profecías da oposición, os datos amosan que a xestión da sanidade galega ofrece mellores resultados que a media das comunidades autónomas, desmentindo a visión apocalíptica que socialistas e nacionalistas insisten en trasladar aos galegos”.