O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, mantivo esta mañá no Parlamento de Galicia unha primeira toma de contacto con representantes dos grupos parlamentarios da oposición para concretar aspectos sobre o perfil profesional da persoa candidata á Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), unha vez que no día de onte o Grupo Popular solicitou o inicio do procedemento para a súa elección.
Alberto Pazos trasladou a disposición do Grupo Popular de consensuar cos grupos da oposición o perfil da persoa que se faga cargo da dirección da CSAG, seguindo o mesmo espírito que mantivo durante a tramitación da recentemente aprobada Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital. En concreto, Pazos avogou porque a elección desta persoa pivote sobre principios como a experiencia, o coñecemento do sector audiovisual e a súa valía profesional.