O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe que coa intervención do Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Debate sobre o Estado da Autonomía (DEA) demostrouse que “Galicia ten proxecto, folla de ruta e liderado claro, cun Goberno que só se apoia nos galegos e galegas e que non precisa de máis sociedades estrañas”.
“Ninguén que escoitara a intervención de Alfonso Rueda pode negar que se fixeron propostas importantes de cara ao futuro”, manifestou Pazos, quen lamentou que a oposición “prefire cualificar de propaganda as medidas que melloran a vida da xente”. “Se iso é propaganda, benvida sexa a propaganda e estamos seguros que nos vindeiros anos o Presidente Rueda terá a oportunidade de facer máis anuncios neste sentido”, incidiu.
Alberto Pazos felicitou a Alfonso Rueda pola súa intervención inicial no Debate, “facendo o discurso que os galegos esperan do seu Presidente, cunha análise do percorrido de Galicia nos últimos anos, unha visión xeral da situación actual e ofrecendo un proxecto de futuro centrado en atender as necesidades de todos os galegos”.
ANUNCIOS DE CALADO
En primeiro lugar, Pazos lembrou que “fixo unha análise da realidade, cunha reivindicación daquelas cuestións que dependen doutras administracións públicas, principalmente do Goberno central”. Neste punto, Alfonso Rueda referiuse á transferencia da AP -9, a construción dos viadutos da A-6, a chegada dos trens Avril ou o corredor de mercadorías; a distribución dos necesarios fondos europeos; a rebaixa do IVE dos produtos do mar e a carne; o respecto á lei do litoral galega; o abono do 50 por cento da lei de dependencia; ou facilitar a formación de máis médicos de familia e pediatras.
O portavoz popular salientou que o Presidente Rueda “fixo anuncios de calado e importancia en distintos ámbitos”. En primeiro lugar, en materia impositiva, ademais de reiterar a rebaixa de impostos para a adquisición de vehículos de segunda man e eléctricos, Pazos destacou unha nova rebaixa de 1 punto no imposto de transmisións patrimoniais, “que se suma a unha política longamente traballada por parte do Goberno do PP para que Galicia se converta nun país no que as persoas, principalmente as de rendas máis baixas, teñen un mellor tratamento fiscal”.
“Outra cuestión fundamental anunciada polo Presidente Rueda é a relacionada coa atracción de proxectos estratéxicos”, subliñou Alberto Pazos. Neste sentido, concretou o anuncio para declarar proxectos industriais estratéxicos a todas aquelas iniciativas empresariais que creen máis de 25 empregos e conten cun financiamento superior aos 2 millóns de euros. A Xunta comprométese a tramitar estes proxectos nun prazo máximo de un ano e, de non ser así, os solicitantes terán dereito a unha indemnización de ata medio millón de euros.
E para os proxectos cun investimento superior aos 800.000 euros, a Xunta impulsará un plan de aceleración, que reducirá os prazos a metade e garantirá que os permisos municipais non se demoren sen motivo xustificado.
FONDO PÚBLICO-PRIVADO PARA PROXECTOS INDUSTRIAIS
Todo isto compleméntase coa creación dun fondo público-privado de 300 millóns de euros para poñer a disposición dos proxectos industriais. “É unha maneira de enviar unha mensaxe clara de que, se non se desembolsan eses fondos europeos imprescindibles para a industria galega, Galicia vai seguir apostando polo desenvolvemento deses proxectos”, sinalou o portavoz popular.
Para rematar, Alberto Pazos subliñou que “o Presidente Rueda non se esqueceu das persoas”. Para iso, anunciou que todas as persoas con dependencia grande ou severa, e que sexan coidadas por un familiar no seu domicilio, terán dereito a un bono de 5.000 euros ao ano; ao tempo que aquelas persoas dependentes que conten cun bono para ir á residencia da súa elección recibirán un complemento de 1.200 euros ao ano, o que suporá un incremento medio do 30 por cento. Con isto, “Galicia se sitúa á vangarda do coidado da xente maior, o que supón un motivo de orgullo colectivo”, asegurou.