10 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, realizou hoxe un percorrido en moto desde a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela ata a parroquia do Pedrouzo (O Pino) acompañado dunha trintena de motoristas e co obxectivo de concienciar sobre a especial vulnerabilidade dos condutores de motocicletas nas estradas e a importancia da seguridade viaria.
Cómpre salientar que as especiais características territoriais de Galicia, cunha orografía complexa e unha poboación espallada, esixen dunha rede de infraestruturas de comunicación completa e segura. De aí que sexa necesario aumentar os esforzos no mantemento e conservación das vías e poñer as novas tecnoloxías ao servizo dunha mobilidade máis segura, sostible e conectada.
O Goberno galego xa actuou ao longo destes anos en todos os treitos de concentración de accidentes da rede autonómica, logrando unha redución do 60% na sinistralidade. Por iso agora o PPdeG quere seguir esa mesma liña e no seu programa propón actuar en todos os puntos negros das vías autonómicas identificando os treitos con maior potencial de mellora e eliminando obstáculos dos marxes para evitar os accidentes e reducir a súa gravidade.