O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que Ángel Moldes está demostrando en Poio os mellores valores dos gobernos do Partido Popular ao traballar cada día para facer unha política real e útil para os seus veciños desde o traballo, o compromiso e a eficiencia.
Segundo asegurou hoxe o líder dos populares galegos na cea de Nadal organizada pola agrupación local poiense, Ángel Moldes demostrou neste tempo ter un plan para Poio e, grazas a iso, o concello deixou atrás as trifulcas e conta hoxe cun goberno estable e con moitísimo impulso. E iso, recalcou, a pesar da difícil herdanza que lles tocou xestionar.
Rueda explicou acto seguido que tamén o Goberno galego ten un plan tanto para Poio como para todos os concellos de Galicia. Un plan que pasa por seguir investindo o próximo ano en mellorar as conexións e o saneamento, así como poñer a disposición dos veciños e veciñas máis e mellores servizos.
No caso concreto deste concello, están sobre a mesa proxectos de futuro como a humanización da PO-308, a construción da senda peonil, a mellora das paradas de autobús ou a posta en marcha do centro de atención temperá.
Se isto é posible, explicou o presidente do PPdeG, é porque, ao igual que Ángel Moldes e o seu equipo, o Goberno galego leva meses traballando sen perder nin un minuto, cumprindo os obxectivos marcados e volvendo a ser quen de aprobar uns orzamentos en tempo e forma.
UN PARTIDO UNIDO E COMPROMETIDO
O presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra, Luis López, destacou que a cea de Nadal de Poio é sempre un gran acto de apoio ao seu alcalde Ángel Moldes, xa que acoden practicamente todos os seus afiliados. Algo que amosa, na súa opinión, o cariño e o apoio que lle ofrecen sempre a Moldes.
“Penso que estas xuntanzas son sempre moi boas. Serven para que compartamos uns intres nestas datas festivas e sobre todo para amosar a unidade e compromiso do noso partido, algo fundamental sempre, porque unidos traballaremos moito mellor e acadaremos os nosos obxectivos”, indicou.
ÁNGEL MOLDES: “SI HABÍA OUTRO XEITO DE FACER AS COUSAS”
Pola súa banda, o presidente local e alcalde de Poio, Ángel Moldes, puxo en valor todo o conseguido durante o último ano no Goberno: “Estamos demostrando que si había outro xeito de facer as cousas: con ilusión, con responsabilidade, con compromiso, escoitando e traballando para todos e cada un dos veciños do noso concello”. Por iso, asegurou que “hoxe Poio é un concello diferente, con maior estabilidade, con máis dinamismo e con máis oportunidades”.
Durante a súa intervención enumerou todos os logros conseguidos ata o de agora: “Ademais de xestionar unha herdanza económica nefasta, tamén estamos facendo realidade o noso programa de Goberno, dando resposta a demandas e investimentos históricos”.
Referiuse, por exemplo, á baixada de impostos, a humanización da PO-308 na Barca, os investimentos para mellorar o saneamento, a compra da Gardería de Campelo, os eventos lúdicos e culturais que fan de Poio un referente na comarca, a ampliación das prazas de aparcamento gratuítas, a urbanización do polígono de Fragamoreira, a estrada de Campelo, a senda entre Chancelas e Combarro ou o Centro de Atención Temperá.
Nesta liña, recoñeceu que “non hai receitas máxicas” e que o segredo é “traballar arreo, escoitar e ter claro que o único importante son as prioridades e necesidades de cada unha das persoas que vivides en Poio”. Así, agradeceu tamén o “respaldo dun partido e duns afiliados cos que sempre se pode contar e que, ademais, son os máis esixentes”. Algo que considera moi positivo porque “obríganos a dar sempre o mellor de nós”.