O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe o modelo de éxito do PP de Vilanova de Arousa situándoo como un exemplo de estabilidade, unión e dedicación aos seus veciños e poñendo en valor as tres décadas de alcalde con maiorías absolutas de Gonzalo Durán.
Na súa intervención na cea de Nadal organizada polo partido nesta localidade do Salnés e acompañado pola secretaria xeral Paula Prado, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e o propio alcalde; defendeu que nisto consiste a “filosofía” do PPdeG para toda Galicia e que, grazas a iso, a Comunidade ten cada vez máis emprego, máis vivenda pública e máis e mellores servizos públicos.
“Se todo isto é posible porque temos un plan recollido nuns Orzamentos que se aproban cada ano en tempo e forma”, afirmou poñendo en valor algúns dos investimentos previstos nas contas do próximo ano e que demostran o cumprimento do Goberno galego con Vilanova de Arousa e todo o Salnés.
Fixo referencia así ao investimento no saneamento municipal, ao impulso do polo de emprendemento de Vilanova e aos investimentos en sanidade e educación en toda a comarca e, máis concretamente, os centros de saúde de Vilagarcía e Meis.
En contraposición a un Goberno galego que “funciona a toda máquina”, Rueda referiuse ao Goberno “en descomposición” de Pedro Sánchez e subliñou con ironía a dificultade para “levar a conta de todos os detidos por corrupción, de todos os que están no cárcere e de todos os casos de abuso sexual que esconderon”.
Lamentou neste sentido que o Goberno de Sánchez estea “máis preocupado polas citacións xudiciais, polos informes da UCO e polas alertas de última hora que polo día a día dos españois” e por iso fixo un chamamento a “levantar a voz ante os escándalos e os atropelos a Galicia”.
LUIS LÓPEZ: “VILANOVA É UN EXEMPLO DE UNIÓN DO PARTIDO”
Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, destacou que a cea de Nadal de Vilanova de Arousa é sempre “unha estupenda oportunidade para poder xuntar aos populares”, xa que ano tras ano, acoden dende centos de simpatizantes e afiliados.
“Vilanova é un exemplo de unión do partido: xa non só arrasan en cada cita electoral, senón que tamén arrasan en cada cea de Nadal que organizan. E así, todos xuntos celebramos estes datas tan especiais. Momentos nos que o PP segue amosando unha completa unidade. Somos un gran equipo e estas ceas así o amosan”, afirmou.