27 de agosto de 2023. O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, reivindicou a vitoria do PP nas eleccións municipais e autonómicas, así como o apoio masivo recibido por Alberto Núñez Feijóo nas xerais en Galicia. Tal e como demostra o feito de que o PPdeG obtivese 13 de 23 escanos e o número máximo de senadores, 14. “Con firmeza, convencemento e enteireza dígoche, Alberto, que tes que ser o próximo presidente de España. Tal e como dixeron centos de miles de galegos o 23 de xullo”, asegurou dirixíndose ao líder dos populares.
“Loitaremos por ter un presidente do Goberno que exerza o seu cargo sen ataduras, sen hipotecas e debéndose a todos por igual”, engadiu ao tempo que amosaba a súa aposta por “unha España de cidadáns libres e iguales e non unha España asimétrica e de suma cero onde uns teñan que perder para que outros gañen”.
O presidente do PPdeG remarcou que Galicia nunca vai pedir “pagar rescates imposibles nin cesións ante a chantaxe”, nin tolerará que “se compren gobernos a costa dos recursos dos galegos”. Un plantexamento que resumiu na idea de “seguir defendendo que Galicia siga contando en España”.
“Defenderémolo por principios, porque os galegos así nolo pediron a través de catro maiorías absolutas e porque se non o facemos nós, non o fará ninguén”, continuou facendo referencia a un PSdeG que “non ten dereito nin a elixir ao seu candidato ás autonómicas” e a un BNG que é socio de Bildu e fixo presidente a Pedro Sánchez hai catro anos a cambio de nada.
Alfonso Rueda remarcou que Galicia “non vai pasar por seguir sendo discriminada porque a Pedro Sánchez non lle gusta como votan os galegos, nin vai aceptar leccións dos nacionalistas menos produtivos de España”. E, neste sentido, reivindicou unha Galicia leal e construtiva que continúe sendo “a illa de estabilidade onde as cousas funcionan e a xente pode contar con representantes que non perden o tempo en nada máis que en gobernar”.
“Cando algúns falen de amnistía, nós falaremos do progreso das familias. Cando falen de independencia, falaremos do futuro de Galicia e seguiremos traballando por axudar aos galegos desde a responsabilidade e a boa xestión”, concluíu apelando a “unha Galicia mellor para vivir, para traballar, para investir, para visitar e onde todo o mundo teña cabida”.