O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, incidiu en que “os galegos temos claro e non admitimos que o camiño do crecemento nunca pasa por crecer a costa dos demais” e remarcou que “Galicia nunca vai permitir, nin tolerar, nin amparar que outros medren a súa costa”.
Nesta liña preguntouse “de onde van saír os cartos para sufragar a investidura de Sánchez e para pagar as débedas de quen non soubo administrarse”. E mostrouse categórico: “Non imos tolerar en ningún caso nin baixo ningún concepto que nos quiten eses cartos a quen sempre fomos leais, rigorosos e cumpridores”.
Quixo poñer de manifesto así “a postura da inmensa maioría dos galegos, tanto dos que nos votan como dos que non: Galicia non vai permitir que os Orzamentos Xerais do Estado sexan uns orzamentos feitos para as necesidades de Pedro Sánchez e para que o PSOE poida conseguir a investidura”.
“O 23 de xullo os galegos falaron alto e claro e votaron sentidiño: Galicia quere unha España unida, solidaria e igual na que ninguén sexa máis a costa de que outros sexamos menos”, insistiu.
Amosou tamén o seu orgullo de que un galego como Alberto Núñez Feijóo, que “ten claro onde vai chegar porque ten claro de onde vén”, estea disposto a presidir o Goberno de España “con coherencia, principios e dignidade” e non “a calquera prezo e de calquera maneira”. Neste sentido asegurou que o líder nacional do PP “non é só o presidente que precisa o país, senón o presidente necesario e imprescindible para que a política en España recupere a dignidade”.
Salientando as diferenzas entre Feijóo e Pedro Sánchez, o líder dos populares galegos contrapuxo a “quen acata as imposicións dunha minoría fronte a quen quere escoitar a todos, quen quere gobernar a toda costa fronte a quen quere facelo preservando a dignidade, quen renuncia aos seus principios fronte a quen os defende e quen está disposto a rachar con todo fronte a quen ten claro que a igualdade de todos os españois é o que lle convén a Galicia e a toda España”.
MÁIS FALAR DE IGUALDADE, DE FUTURO E DO QUE QUERE A XENTE
“Que non conten con nós os que pensan que a política consiste en poñer os intereses persoais por riba de calquera outra cousa, nin os que din amén a todo o que ordene Madrid, nin os que crean que todos temos que ser nacionalistas e independentistas só porque eles o son”, remarcou Alfonso Rueda para concluír que poden contar co PP todos aqueles que “cren que a política é dignidade e que desde Galicia se pode contribuír a dignificar a política española”.
O presidente do PPdeG dixo “basta” de “prometer unha cousa e facer a contraria, de querer rachar cos dereitos e a igualdade de todos os españois, de lavarlle a cara a partidos que non son de recibo como Bildu, de renderlle honores a un fugado da Xustiza e de negociar dándolle a uns a costa de quitarlle a outros”.
“Menos amnistías, menos desigualdades, menos falar de pinganillos e máis falar de igualdade e de futuro, que é do que quere falar a xente e o que queremos en Galicia”, remarcou Rueda ao tempo que reivindicaba “unha Galicia cumpridora e responsable, de xente esforzada, aberta, tolerante e seria que ten o mesmo sentidiño que representa o PPdeG”.
Alfonso Rueda amosou o seu compromiso a “seguir reclamando o que aos galegos nos corresponde”, recordando algúns dos moitos incumprimentos do Goberno de Pedro Sánchez con Galicia, como nos fondos europeos, no traspaso da AP-9, na formación de médicos de Atención Primaria, na chegada dos trens Avril de Alta Velocidade, no Corredor Atlántico e no resto de infraestruturas paralizadas.
“Ademais de reclamar estas cousas e de loitar para conseguilas, temos que esixir respecto. Non queremos máis que os demais, pero tampouco queremos menos”, concluíu a este respecto.
PODEMOS FACER UN PAÍS MELLOR ENTRE TODOS
Referíndose á oposición, o presidente do PPdeG botoulle en cara ao BNG que “pretendera ter un trato decisivo co seu único deputado e non conseguiu nada” e recordou os resultados das eleccións xerais: “O 23 de xullo, entre o independentismo impostado ou o sentidiño, e entre o que tanto prometían e a coherencia, o resultado foi claro: 25 deputados do PPdeG e 1 do BNG”.
Ao PSdeG recordoulle tamén que en Pedro Sánchez teñen un líder “ao que Galicia impórtalle tan pouco que nin lles deixa elixir a un candidato gobernar a Comunidade”. E lamentou que hoxe, na súa visita a Oroso, o líder do PSOE “non vaia escoitar o que necesita Galicia porque nin os seus llo van dicir nin a el lle interesa escoitalo”.
“Cando toque decidir, non van ser alternativa nin os que non poden falar nin de si mesmos nin os do 25 a 1 que están sometidos a un dogmatismo absoluto”, concluíu.
Alfonso Rueda rematou a súa intervención reivindicando Galicia como “unha illa de estabilidade e prosperidade que se dedica a resolver os problemas que lle importan á xente”. Unha Galicia que “avanza en paz, pensando que non ten que perder ninguén para que outros gañen e que podemos facer un país mellor entre todos”.
“Ningún voto nin ningún goberno valen o que vale a dignidade dun político. O que vale é recordar que quen gañou as eleccións merece gobernar para non poñer en xogo a igualdade, o benestar e o futuro de Galicia e para que se cumpra a lei desde a lealdade e desde o convencemento de que na solidariedade de todos está a nosa ganancia”, finalizou.