O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a reunión do Comité de Dirección do partido no que se designou ao Comité de Campaña, que terá como fin “traballar con rigor, seriedade e planificación para facer unha campaña en positivo” e sendo consciente de que nas eleccións do 18 de febreiro se elixe “o futuro de Galicia para os próximos anos”.
Tan só un día despois da convocatoria electoral, o líder dos populares galegos explicou que é o momento de “poñerse a traballar” porque o seu partido “sae a gañar”. De aí a importancia da designación do órgano encargado de dirixir a campaña electoral e que volverá estar presidido pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.
A ela e ao “equipo experimentado con novas incorporacións” que a acompañará nesta tarefa, o presidente pediulles que deseñen unha campaña en positivo: “Temos argumentos de sobra para facer balance das moitas cousas feitas nesta lexislatura e nas anteriores, ademais de moitas ideas que se plasmarán no programa electoral”.
“Se todos os partidos aproveitamos estes meses para confrontar as nosas diferentes visións de Galicia en positivo, estariamos facéndolle un gran servizo aos galegos e cumpriríamos o que esperan de nós”, engadiu Rueda remarcando que esta é a forma de traballar do PPdeG.
O presidente anunciou que desde hoxe e ata o próximo 18 de febreiro seguirá escoitando “a todo o mundo” e promete unha mobilización “potente”, sendo consciente de que o que está en xogo son “os problemas dos galegos e os intereses de Galicia”.