O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, participou hoxe nunha comida-mitin no Porriño na que animou aos 600 asistentes a ir votar o próximo 18 de febreiro para que Galicia non pare e siga funcionando os próximos catro anos.
Acompañado polo presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, a número 2 da candidatura pola provincia, Patricia García, e o alcalde Alejandro Lorenzo; o líder dos populares galego reivindicou a Galicia que funciona coa verdade por diante e orgullo do que é fronte o modelo de división identitaria que promove o multipartito da esquerda.
Quere que Galicia siga superándose a si mesma tomando como punto de partida os grandes avances vividos ao longo destes anos. Neste sentido, reivindicou o moito que avanzou a educación pública e a súa proposta dunha educación a prezo cero desde a gardería ata acadar unha profesión na FP ou na Universidade. Para así garantir ao máximo a competitividade da mocidade galega.
Un avance que se deu tamén na sanidade pública, do que puxo como exemplo a reforma que se está levando a cabo do centro de saúde do Porriño para ampliar as súas instalacións e á que o Goberno galego dedicou un investimento de máis de catro millóns de euros.
Por todo isto, trasladou o seu desexo de repetir o 18 de febreiro un éxito como a de Alejandro Lorenzo nas pasadas eleccións municipais, nas que reuniu o 65% dos votos e demostrouse que os veciños do Porriño coñecen ben –e por iso apoian– o modo de facer política do Partido Popular.