O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o “Estilo Galicia” de facer política baseándose na xestión, na busca de solucións a problemas reais e no sentidiño en contraposición a un PSOE “en descomposición” e centrado en protexer a corruptos a costa de abandonar á cidadanía.
Así o manifestou na súa intervención no xantar conmemorativo dos 30 anos de goberno do PP de Vilanova de Arousa, con Gonzalo Durán á fronte e no que estivo acompañado tamén pola secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López.
Unha intervención na que situou ao alcalde da vila como referente dese “Estilo Galicia” á hora de gobernar con sentidiño, con corazón e sen liortas inútiles. Algo que foi posible grazas a que, na súa opinión, Durán nunca perdeu de vista o importante: estar ao lado da xente, escoitar, pisar a rúa, mirar aos ollos dos seus veciños e ofrecer solucións.
Precisamente iso é o que explica que, tras tres décadas, o PP siga gobernando en Vilanova de Arousa coa mesma ilusión e cunha vocación de servizo público que permitiu que este concello pasase de ser unha vila pequena a converterse nun referente industrial, cultural e turístico con dinamismo e orgullo.
Alfonso Rueda tamén tivo palabras para a situación política nacional e en concreto á “insostible” corrupción que asola a un PSOE e a un Pedro Sánchez aos que pediu que deixen de protexer a corruptos a costa de abandonar á cidadanía. Porque, tal e como manifestou, o que España e Galicia necesitan é un Goberno de verdade, que traballe con seriedade, con cabeza alta e mans limpas.