O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, subliñou hoxe en Lugo que o Goberno galego ten un plan para a cidade, tal e como plasman os Orzamentos autonómicos que se aprobarán mañá martes no Parlamento de Galicia.
Durante o pincho de Nadal do PP da cidade de Lugo, Rueda sinalou ante os presentes que o partido é un exemplo do ADN popular, é dicir, da política real e útil para os veciños, similar á que se visualiza nas contas da Xunta.
Nesta urbe céntranse importantes investimentos como 12,1 millóns de euros para vivenda, 4 millóns para remodelar a residencia das Gándaras, 6,2 millóns para a Intermodal ou 1,3 millóns para a reforma integral do centro de saúde da Milagrosa. Destaca a clara aposta polos servizos sociais, con investimentos para proxectos que buscan mellorar a vida dos veciños e veciñas.
Ademais, cómpre lembrar que a provincia de Lugo é, das catro, a que conta cun maior investimento por habitante, o que evidencia que o Goberno galego si ten un plan tanto para a provincia como para a súa capital.
Ao contrario, lamentou o líder dos populares galegos, os que non teñen plan son os que calan ante a falta de chegada da alta velocidade ferroviaria ou os que levan anos atrasando a autovía a Santiago (A-54), porque só buscan manterse no poder. Así, referiuse a un Goberno central rendido aos brazos do independentismo e que está disposto a todo e a costa de todos.
Por último, Rueda celebrou que os lucenses teñen a sorte de contar cun Partido Popular —gañador das eleccións municipais hai un ano e medio— construtivo, comprometido e esixente, baixo o liderado de Elena Candia. Un referente dos mellores valores do partido: traballo, compromiso e eficiencia.
ELENA CANDIA: “2024: UN ANO INTENSO PERO DE MOITA ILUSIÓN”
Pola súa banda, a voceira do Grupo Popular de Lugo e presidenta do PP provincial, Elena Candia, agradeceu o apoio e a implicación de todos os afiliados e simpatizantes, ao tempo que expresou a súa gratitude ao presidente Alfonso Rueda polo cumprimento dos compromisos adquiridos coa veciñanza de Lugo. «Estamos aquí para traballar, para mellorar a vida da xente, para resolver problemas e materializar o noso modelo de cidade», afirmou.
A popular fixo tamén fincapé os investimentos da Xunta en Lugo en materia de vivenda, así como o destinado á ampliación do polígono das Gándaras, un parque empresarial que se consolidará como un motor de creación de emprego e xeración de oportunidades para as empresas e os lucenses.
«Este 2024 foi un ano de gran intensidade, pero tamén de moita ilusión, porque estamos facendo realidade, paso a paso, proxectos que mellorarán Lugo», subliñou.
Así mesmo, Elena Candia puxo en valor que o Grupo Municipal do PP non se limita a fiscalizar, senón que tamén exerce un papel activo como un «goberno paralelo», traballando para achegar solucións concretas e conseguir investimentos clave para a cidade. «Seguiremos traballando con ilusión e determinación para que Lugo continúe avanzando», concluíu.
Durante a súa intervención tamén se referiu ao apoio da Xunta para transformar o barrio de San Antonio coa construción do Centro Integral de Saúde, así como a posta en marcha da nova residencia de maiores con 120 prazas. Ademais, salientou o compromiso de facer o novo centro de saúde do Sagrado Corazón, co compromiso do Goberno galego para estudar a implantación doutros servizos demandados pola cidadanía no antigo colexio do barrio.
Salientou tamén os avances na atención ás persoas, mencionando o investimento para a reforma das residencias das Gándaras e da Milagrosa, a posta en marcha dun centro de día para persoas con trastorno do espectro autista ou a reforma do Centro de Saúde da Milagrosa.
Na área de mobilidade, a voceira popular destacou a construción da estación Intermodal e a creación dun novo aparcadoiro no barrio de Abella de 150 prazas; a restauración do patrimonio local —arranxo humidades da Catedral, restauración do Tellado da Igrexa do Carme—, a reforma do estadio Anxo Carro, ou a mellora dos lagos de Teixeiro.