Santiago, 26 de setembro de 2022.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co único voto en contra do BNG, a nova Lei de áreas empresariais de Galicia, que “simplifica a tramitación urbanística, que adoita ser extensa e que pode deixar escapar oportunidades empresariais a outros territorios veciños como Portugal, e que recolle unha mellora na xestión dos parques empresariais por parte dos propietarios e empresarios que se senten abandonados cando o concello non responde”.
A viceportavoz do Grupo Popular, Marta Nóvoa, cualificou de “pioneira” esta nova lei porque “contribúe a enxalzar o obxectivo do Goberno da Xunta por combinar o respecto ao desenvolvemento territorial sustentable co fomento da actividade económica de Galicia”.
OBXECTIVOS BÁSICOS
Entre os obxectivos básicos da nova Lei de áreas empresariais figuran simplificar e flexibilizar os procedementos de ordenación e execución de solo empresarial, para adaptar a oferta de solo ás necesidades reais das empresas; axilizar os trámites para a aprobación dos instrumentos necesarios para a súa implantación; xerar o marco regulatorio axeitado, para aproveitar as novas oportunidades de desenvolvemento empresarial; e fomentar a creación de reservas estratéxicas de solo que permitan, en prazos máis breves, a implantación de iniciativas empresariais. Ademais, e atendendo unha demanda realizada polos propios empresarios, créanse entidades para a conservación, xestión e modernización das áreas empresariais urbanas, constituídas polos propietarios das parcelas.
Marta Nóvoa explicou que con esta lei créase o plan estruturante de ordenación do solo empresarial, co fin de adaptar a execución das fases dunha área empresarial ás necesidades da demanda, dunha forma áxil e flexible, para así responder ás necesidades de rapidez que esixe o mundo empresarial nos tempos actuais. “Con esta figura, o prazo de aprobación dun proxecto de urbanización será de nove meses, cando ata o de agora se tardaba ao redor de 21 meses”, apuntou.
Tamén se crean dous novos tipos de entidades: as entidades urbanísticas de conservación das áreas ou parques empresariais situados en concellos que carezan de recursos suficientes para o mantemento da urbanización; e as entidades de conservación, xestión e modernización, constituídas polos propietarios das parcelas coa autorización e colaboración do Concello respectivo.
CONCELLOS EMPRENDEDORES
A nova Lei de áreas empresariais materializa a elevación a rango de lei da figura dos concellos emprendedores, que provén dun acordo coa Fegamp do ano 2017. “Desde a posta en marcha desta iniciativa adheríronse á mesma un total de 153 concellos de todas as cores políticas e, por suposto, de forma voluntaria”, sinalou a viceportavoz popular.
Nóvoa apuntou que “o compromiso do Concello ao adherirse a este convenio pasa por axilizar as resolucións de licenzas de obra e en establecer bonificacións fiscais sobre os impostos IBI, IAE ou nos impostos de construcións, instalacións e obras”. “A cambio, a Xunta dará prioridade a estes concellos emprendedores nas ordes de axuda que se convoquen en réxime de concorrencia competitiva, para impulsar o emprego e o comercio local, así como todos os proxectos relacionados coa industria”, anotou.
Para rematar, Marta Nóvoa referiuse ás tres emendas do Grupo Popular incorporadas á nova Lei. A primeira delas, para unificar criterios de actuación e elaboración de directrices orientativas, de funcionamento de entidades de conservación, xestión e modernización de áreas empresariais.
A través da segunda emenda abórdase unha mellora na regulación dos procedementos de declaración dun proxecto industrial como estratéxico e de aprobación do proxecto de implantación, co fin de achegar ás empresas certezas e maior seguridade xurídica na regulación dos mencionados procedementos. “O obxectivo é atraer investimentos de carácter industrial a Galicia e xera así emprego estable de calidade”, subliñou.
En terceiro lugar, outra emenda do Grupo Popular permitirá considerar como iniciativas prioritarias os proxectos eólicos, que teñan permiso de acceso, conexión e evacuación, cando os promotores subscriban un acordo directo de compravenda de enerxía, a longo prazo e a prezo competitivo, cunha empresa con centro de traballo en Galicia, garantindo, polo menos, o 50 por cento da súa produción de enerxía.
A viceportavoz popular afirmou que esta emenda “está baseada na petición feita por empresas con alto consumo de electricidade, como Alcoa ou Ferroglobe, que levan anos con problemas derivados do elevado prezo da enerxía ao que o Goberno de Pedro Sánchez segue sen poñer solución”.