Santiago, 11 de novembro de 2021.- A Comisión 5ª do Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade o ditame da proposición de lei de reforma da Lei para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, impulsada polo Grupo Popular e a través da que se incorpora a violencia dixital como unha nova forma de violencia de xénero.
“Hoxe damos un paso importante na loita contra a violencia de xénero no ámbito lexislativo en Galicia, e agardamos que tome nota o Goberno de España e poña en marcha os mecanismos que permitan modificar o Código Penal co fin de perseguir axeitadamente estes delitos que van en aumento”, manifestou a viceportavoz popular, Paula Prado.
Na súa intervención, Prado referiuse á Memoria anual da Fiscalía Superior de Galicia para destacar que “os delitos sexuais a través das novas tecnoloxías se incrementan ano tras ano, especialmente os realizados contra menores de 16 anos”.
DELITOS CADA VEZ MÁIS FRECUENTES
Esta modificación da Lei integral de violencia de xénero ten como obxectivo facer fronte aos cada vez máis frecuentes delitos como ciberbullying, sextorsion; gooming; usurpación de identidade, chaves ou contrasinais; sexting, revenge porn ou pornovenganza. “Son accións todas elas moi frecuentes entre as persoas máis novas, onde maioritariamente as vítimas son mulleres e, fundamentalmente, adolescentes, o que incrementa a súa vulnerabilidade”, apuntou.
Paula Prado lembrou que o Grupo Popular incorporou á proposición non de lei unha emenda “a través da que incluímos como condutas de violencia de xénero dixital non só as que se exercen a través das novas tecnoloxías, senón todo acto cometido, instigado ou agravado, recoñecendo como medio para cometer o delito a utilización de servizos de xeolocalización”.
Ademais, mellorouse a redacción do artigo introducindo como finalidade a de discriminar, humillar, chantaxear, acosar ou exercer dominio, control ou intromisión sen consentimento na privacidade da vítima.
Para rematar, a viceportavoz popular agradeceu “a vontade de consenso amosada por todos os grupos parlamentarios e o debate construtivo levado a cabo no seo da ponencia, porque deste xeito estamos mandando unha mensaxe de unidade fundamental para concienciar á sociedade de que a loita contra a violencia de xénero é cousa de todos”.