Santiago, 15 de febreiro de 2021.- A Comisión 3ª do Parlamento galego aprobou esta tarde o ditame da proposición de Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica, cuxo “eixo fundamental é axilizar a tramitación administrativa para impulsar a actividade económica e a creación de emprego”, manifestou o viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado.
O texto lexislativo queda pendente do seu debate en Pleno para a súa aprobación definitiva.
“Queremos que as administracións sexan un apoio para os cidadáns e as empresas, nunca un atranco”, asegurou Tellado, quen apuntou que a nova norma busca “impulsar a actividade e facilitar os procedementos administrativos para que as empresas poidan desenvolver a súa actividade”.
CONTINUIDADE AO TRABALLO FEITO NESTES ANOS
Miguel Tellado explicou que esta nova lei “continúa o traballo realizado polo Goberno galego, apoiando aos profesionais e empresas e impulsando unha nova cultura administrativa, que elimina trabas e impulsa a xestión”. Así mesmo, apuntou que rebaixa impostos, principalmente no rural; crea mecanismos de asesoramento e acompañamento das empresas e se anticipa á chegada dos fondos europeos.
Dirixíndose aos grupos da oposición, o viceportavoz indicou que “será moi difícil que teñan a máis mínima credibilidade cando falen de deslocalización de empresas logo de votar en contra desta lei”, porque “coas mesmas garantías, vanse reducir os prazos de tramitación e incrementar a axilidade administrativa para a creación de emprego”. En concreto e a modo de exemplo, salientou que con esta lei un proxecto de xeración eléctrica se poderá tramitar nun prazo de 12 meses, fronte aos 28 da actualidade.
Para rematar, Miguel Tellado lamentou que “os grupos da oposición non están a favor de votar nada que veña do Goberno galego ou do grupo maioritario” e, referíndose directamente ao BNG, apuntou que “as emendas que presentou son sobre outra lei: a lei de ralentización administrativa de Galicia e da nacionalización da economía galega”. “Se non arriman o ombreiro agora, cando o van facer?. Probablemente nunca”, indicou.