Santiago, 12 de febreiro de 2021.- A Comisión 1ª do Parlamento de Galicia aprobou hoxe o ditame do proxecto de Lei de acción exterior e da cooperación de Galicia, “unha norma de país que fixa o marco normativo, os obxectivos e ferramentas para relacionarnos e proxectarnos no mundo nas próximas décadas”, manifestou o deputado popular Alberto Pazos.
O texto lexislativo queda agora pendente do debate para a súa aprobación en sesión Plenaria.
Alberto Pazos salientou que esta nova lei “é a culminación dun proxecto de reforma dos instrumentos lexislativos que regulan a presencia de Galicia no mundo, un proceso de reforma caracterizado polo diálogo e o consenso, desde que comezaran os primeiros traballos da elaboración da Estratexia galega de acción exterior ata chegar a estes últimos chanzos coa aprobación deste novo texto lexislativo”.
“A mesma vocación de diálogo que presidiu a aprobación da EGAEX, tamén presidiu a actuación do Grupo Popular na tramitación desta lei”, asegurou. Así, concretou que o Grupo Socialista presentou 19 emendas ao texto normativo, das que 9 foron aceptadas e 5 transaccionadas, “polo que só amosa discrepancias con 5 artigos dos 113 que ten a lei”.
Por parte do BNG, presentou 53 emendas, das que 10 foron aceptadas na ponencia e outras 9 transaccionadas. Neste sentido, Pazos considerou as emendas nacionalistas “politicamente lexítimas, pero a gran maioría son normativamente ilegais, polo que calquera grupo de goberno ten que rexeitalas porque discrepan da arquitectura do Estado”.
OPOSICIÓN DO PSDEG
Diante desta situación, Alberto Pazos lamentou a oposición do PSdeG ao ditame deste proxecto de lei, cuxo texto “é froito do diálogo e o consenso co Goberno de España, cos principais suxeitos da acción exterior, coas ONGDs e, por suposto, cos grupos parlamentarios da oposición no Parlamento galego”.
“Vai ser practicamente imposible que xurdan ocasións máis favorables que a aprobación desta nova Lei de acción exterior e da cooperación de Galicia para materializar o suposto compromiso de colaboración leal dos socialistas co Goberno de Galicia, porque os mesmos artigos que dificultan o apoio do BNG deberían ser o reforzo do apoio do PSdeG porque son os falan de constitucionalismo e lealdade co Goberno de España”, indicou o deputado popular.