Santiago, 7 de setembro de 2022.- A Comisión de Industria do Parlamento galego aprobou esta mañá o ditame do proxecto de Lei de áreas empresariais de Galicia, co que este novo texto lexislativo queda pendente da súa aprobación definitiva polo Pleno. A viceportavoz popular, Marta Nóvoa, lembrou que esta nova lei “combina o respecto ao desenvolvemento territorial sustentable co fomento da actividade económica na Comunidade galega, axilizando e flexibilizando a planificación e creación de solo para as empresas”.
En concreto, Marta Nóvoa dixo que esta lei simplifica e flexibiliza os procedementos de ordenación e execución de solo empresarial, para adaptar a oferta de solo ás necesidades das empresas; ao tempo que axiliza os trámites para a aprobación dos instrumentos necesarios para a súa implantación.
“Así mesmo, xera o marco regulatorio adecuado para aproveitar as novas oportunidades de desenvolvemento empresarial e fomenta a creación de reservas estratéxicas de solo que permitan, en prazos máis breves, a implantación de iniciativas empresariais”, engadiu a viceportavoz popular.
Nóvoa apuntou que a nova Lei “atende unha demanda dos empresarios posibilitando a creación de entidades para a conservación, xestión e modernización das áreas empresariais urbanas constituídas polos propietarios das parcelas”.
NOVIDADES
Entre as novidades que incorpora a Lei de áreas empresariais de Galicia, Marta Nóvoa destacou a creación do plan estruturante de ordenación do solo empresarial, co fin de adaptar a execución das fases dunha área empresarial ás necesidades da demanda, dunha forma áxil e flexible, para responder ás necesidades de rapidez que esixe o mundo empresarial na actualidade. “A idea é que o prazo de aprobación dun proxecto de urbanización nun ámbito para adaptarse á demanda de solo pase dos 21 meses actuais e 9 meses”, dixo.
Outra das novidades é a elevación a rango de lei da figura dos concellos emprendedores, logo do acordo acadado coa Fegamp en 2017 e que xa permitiu a creación de 151 concellos emprendedores.
Por último, e a consecuencia da incorporación dunha emenda do Grupo Popular, aténdese a demanda realizada por empresas de alto consumo de electricidade, como Alcoa ou Ferrogloble, para facilitar que os produtores de enerxía renovable eólica subministren electricidade máis barata. “Así, pedimos que estes proxectos eólicos se poidan tramitar como iniciativa prioritaria, dunha forma máis áxil pero sen quitar garantía medioambiental algunha”, explicou Marta Nóvoa.