Santiago, 14 de decembro de 2021.- A Comisión 3ª do Parlamento de Galicia aprobou esta tarde o ditame do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos da Xunta para 2002, co que queda pendente da súa aprobación definitiva no Pleno da vindeira semana.
A viceportavoz popular, Paula Prado, salientou que esta nova lei inclúe rebaixas fiscais, tanto no imposto sobre a renda como na dedución por acollemento familiar; así como a creación da nova categoría de facultativo especialista de atención primaria ou medidas para dar resposta á alteración extraordinaria dos prezos dos materiais nos contratos de obra pública.
Paula Prado explicou que “minoramos a carga tributaria á totalidade dos cidadáns para incrementar a renda dispoñible en mans das familias, fomentando o consumo e o investimento, e mellorando a competitividade das empresas”.
MÁIS DUNHA DÉCADA BAIXANDO IMPOSTOS
“O Goberno do PPdeG leva baixando impostos máis dunha década, conseguindo que o modelo galego de rebaixas no IRPF permita que os contribuíntes galegos estean entre os que pagan menos de toda España, aforrando de media cada ano máis de 400 euros respecto ao que pagaban cando gobernaban PSdeG e BNG”, sinalou.
Respecto da creación da categoría de facultativo especialista de atención primaria, Prado sinalou que “é unha medida que complementa ás moitas que está a desenvolver o Goberno galego para axudar a reformar a atención primaria ante unha nova situación demográfica e de cronicidade dos pacientes, así como o déficit de persoal especialista en medicina de familia”.
Por último, a viceportavoz popular referiuse á emenda aprobada dirixida a dar resposta á situación creada nas obras públicas pola crise de materiais, xerando incumprimento de prazos e incrementando a posibilidade de paralización dos traballos. As medidas que poderán adoptarse nos casos de que os cambios nos prezos dos materiais causen unha alteración económica substancial do contrato poderán ser unha compensación económica ao contratista ou ben unha modificación dos materiais, que permita un abaratamento dos prezos pero en ningún caso unha diminución da funcionalidade da obra en execución.