Santiago, 11 de decembro de 2020.- A Comisión 2ª do Parlamento galego aprobou esta mañá o ditame do proxecto de Lei de pesca continental de Galicia, co que este texto lexislativo queda pendente do seu debate en Pleno para a súa aprobación definitiva.
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Marisol Díaz Mouteira, concretou que o obxectivo é “a conservación dos nosos ríos e ecosistemas acuáticos para impulsar unha pesca sustentable, respectuosa co medio ambiente e que sexa unha ferramenta de dinamización turística e económica no rural, garantindo ademais a remuda xeracional”.
Marisol Díaz incidiu que “a conservación dos nosos ríos e ecosistemas acuáticos estivo sempre presente no ideario e no espírito deste proxecto de Lei”, polo que asegurou que “non se rebaixa ningunha esixencia en materia de conservación, máis ben todo o contrario, mantense e mesmo se desenvolve aínda máis, procurando a remuda xeracional para garantir o futuro desta práctica, apostando ademais pola educación ambiental e a formación”.
En concreto, a portavoz popular referiuse á creación en Galicia das Escolas de Río, centros nos que se impartirá formación e educación teórica e práctica sobre o coñecemento dos ríos, dos ecosistemas acuáticos e sobre a pesca responsable e sostible.
“Un dos aspectos novidosos desta nova lei é a gratuidade dos permisos de pesca para todos os menores de idade, co obxectivo de achegar á xente moza aos ríos”, sinalou.