A Comisión 2ª do Parlamento de Galicia aprobou hoxe o ditame do proxecto de Lei do clima de Galicia, unha norma que ten como obxectivos específicos acadar a neutralidade climática en Galicia no horizonte do ano 2040 e reducir as emisións netas de gases de efecto invernadoiro, cando menos nun 75 por cento no ano 2030 con respecto aos niveles de 1990. Este novo texto lexislativo queda agora pendente da súa aprobación definitiva en Pleno.
O portavoz popular de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, agradeceu o traballo desenvolvido por todas as persoas que participaron na elaboración desta lei, que “contribuirá ao cumprimento dos compromisos internacionais sobre redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, facilitar a descarbonización de todos os sectores da economía galega e promover a adaptación aos impactos do cambio climático”.
ESPÍRITO COLABORATIVO
“Con este novo texto lexislativo, elevamos a rango de lei o obxectivo da Comunidade galega de acadar a neutralidade climática no horizonte de 2040”, salientou o portavoz popular, que subliñou “o seu espírito colaborativo, que se manifesta a través da creación de novos órganos de asesoramento e participación, como a Oficina de Cambio climático de Galicia, o Foro de Acción Climática e o portal de Acción Climática”.
Gonzalo Trenor explicou que a través desta norma promoveranse instrumentos ou beneficios fiscais para incentivar á realización de actuacións que reduzan os gases de efecto invernadoiro, así como aquelas de apoio aos obxectivos da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía.
Unha das novidades que incorpora esta nova lei é a creación do rexistro galego de promotores de neutralidade climática, que inclúe intrinsecamente o rexistro de pegada de carbono, ampliando o seu ámbito de aplicación a organizacións, administracións públicas ou eventos. Este rexistro promoverá a compensación das emisións a través do sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia.