Santiago, 2 de setembro de 2022- A Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia debateu hoxe as propostas de resolución presentadas polos grupos políticos e aprobou o Plan de Acción para a prevención do sobrepeso e a obesidade en Galicia desde unha perspectiva de saúde pública 2022-2030, Plan de Obesidade Zero, que incorpora a proposta do Grupo Popular de incluír unha memoria económica dun millón de euros para cada ano.
A portavoz de Sanidade, Encarna Amigo, indicou que Galicia “xa é pioneira na implantación de plans de prevención e, unha vez mais, vai a estar a vangarda na prevención do sobrepeso e a obesidade, que non é un problema menor, xa que é a causa do desenvolvemento futuro de moitas patoloxías, representando no noso país un custo económico dun 6,9% do gasto sanitario”.
Así mesmo, indicou que “en Galicia, mais da metade da poboación galega ten exceso de peso e máis do 16% sofre obesidade, polo que urxía este Plan para adoptar medidas que freen a evolución a alza desta patoloxía que tanta morbilidade ten asociada”
“Así o entendeu o Sergas que, de maneira consensuada e tendo en conta tanto a evidencia científica, como a opinión das sociedades científicas, os axentes sociais, os representantes do sector privado e a opinión da cidadanía, elaborou este Plan” indicou Encarna Amigo “ e buscou que todos os partidos políticos estiveramos implicados e que se comprometa a súa implantación, independentemente do partido político que goberne”.
MEMORIA ECONÓMICA
O Plan aprobado definitivamente incorpora, a proposta do Grupo Popular, acompañalo cunha memoria económica que contemple un mínimo dun millón de euros de dotación por cada un dos nove anos de vixencia do Plan.
Así mesmo, a voceira de Sanidade agradeceu o ton construtivo do PSdeG “recoñecendo a utilidade e o bo facer deste Plan” do que se aprobaron 9 das súas 12 propostas e lamentou que o BNG empregara o debate “para falar do seu programa electoral, chegando incluso a propor medidas que nada teñen que ver coa obesidade”. Con todo elo, aprobáronse 6 iniciativas, unha despois dunha transacción, deste grupo político.
Encarna Amigo sinalou que “estamos ante un Plan ambicioso con accións para conseguir 11 obxectivos diferentes que ao longo do período de duración ten unhameta : reducir o sobrepeso na comunidade un 15% no 2030” engadindo que “é importante o pacto autonómico acadado neste Parlamento para xestionar de maneira eficaz e eficiente de cara os vindeiros anos este Plan de saúde”.