Santiago, 25 de febreiro de 2022.- A Comisión non permanente especial de estudo sobre a seguridade viaria en Galicia aprobou hoxe o ditame co voto favorable dos grupos Popular e Socialista, e a abstención do BNG. Este documento queda agora pendente da súa aprobación definitiva en sesión plenaria.
O portavoz popular, Pedro Puy, salientou o feito de que o ditame “saia adiante sen votos en contra”. “Estamos a falar dun documento moi completo, que recolle aportacións de todos os grupos parlamentarios e que é froito dun gran traballo realizado neste Parlamento, xa que a creación desta comisión data de 2014”, apuntou.
NOVE ÁREAS
Puy lembrou que “ao longo destes anos teñen comparecido numerosos expertos relacionados coa problemática da seguridade viaria”, en ámbitos como as infraestruturas, as autoescolas, os talleres mecánicos, as axencias de seguros, os clubs ciclistas ou os motoristas, entre outros.
O ditame aprobado hoxe na Comisión de estudo sobre a seguridade viaria en Galicia incorpora numerosas propostas repartidas en 9 áreas que abarcan distintos ámbitos como: a coordinación; a prevención; a realización de campañas de promoción e sensibilización; a formación e a educación; as modificacións normativas; o factor humano, como causa de accidentes de tráfico; as infraestruturas e melloras viarias; o transporte profesional, tanto de mercadorías como de viaxeiros, así como a problemática dos vehículos agrícolas; ou a resposta aos accidentes e ás vítimas.