A Comisión 3ª do Parlamento galego aprobou hoxe o ditame do proxecto de Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, co que este novo texto lexislativo queda pendente da súa aprobación definitiva polo Pleno.
A viceportavoz popular Marisol Díaz Mouteira explicou que esta nova Lei do patrimonio establece “o réxime xurídico dos bens e dereitos de titularidade da Administración galega, facendo unha necesaria actualización do marco legal, axilizando a xestión patrimonial e adaptando a normativa vixente ás modificacións introducidas na lexislación básica estatal”.
LEI COMPLEXA
“Estamos diante dunha Lei complexa, elaborada conforme á experiencia que os propios funcionarios da Administración e os servizos xurídicos foron adquirindo na práctica tras aplicar a normativa anterior durante estes anos”, apuntou.
Díaz Mouteira afirmou que “na práctica permitirá mellorar a xestión ordinaria de todo o patrimonio da Xunta, facilitando o seu coñecemento, consulta e a aplicación das normas que o regulan”. “Todo iso baixo a premisa de que unha mellor xestión do patrimonio permitirá tamén unha mellor prestación dos servizos públicos”, sinalou.