Santiago, 12 de decembro de 2017.- A Comisión 3ª do Parlamento galego aprobou hoxe os ditames do proxecto de Lei de orzamentos xerais de Galicia para 2018 e do proxecto de Lei de acompañamento a estes orzamentos. Deste xeito, ambos textos quedan en disposición de ser debatidos en Pleno para a súa aprobación definitiva.
O ditame do proxecto de Lei de orzamentos da Xunta para 2018 incorpora finalmente as emendas acordadas entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista para incluír como créditos ampliables os fondos destinados a becas para estudantes e á reparación dos danos ocasionados polos incendios forestais, de xeito que se poidan atender todas as demandas que se presenten e cumpran os requisitos establecidos.
POLÍTICA FORESTAL CLARA E VALENTE
No caso do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos, o Grupo Popular defendeu, e transaccionou cos grupos da oposición, unha serie de medidas que “deseñan unha política forestal clara e valente para afrontar o período de máximo risco de incendios do próximo ano”, manifestou a viceportavoz Paula Prado. “Creo que debemos felicitarnos porque fomos quen de consensuar cuestións fundamentais para o futuro forestal de Galicia”, engadiu.
Máis en concreto, Prado explicou que “co BNG compartimos fundamentalmente a modificación da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia, que se prevé no artigo 15 desta Lei de Medidas, ao que o BNG ten presentado 15 emendas das que transaccionamos 13, é dicir, o 87 por cento”. A isto engádense os acordos cos outros grupos: das 10 emendas presentadas polo PSOE se transaccionaron 5 (o 50 por cento), e das 7 presentadas por En Marea se transaccionaron 6 (o 86 por cento).