12 de decembro de 2022. A Comisión 3ª do Parlamento de Galicia aprobou hoxe os ditames dos proxectos de Lei de orzamentos da Xunta para 2023 e de medidas fiscais e administrativas, co que ambos textos lexislativos quedan pendentes da súa aprobación definitiva no Pleno da vindeira semana.
O ditame do proxecto de Lei de orzamentos da Xunta incorpora directamente 11 emendas (9 do Grupo Popular e 2 do PSdeG), así como outra transacción entre o Grupo Popular e o PSdeG.
Polo que respecta ao proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, o texto definitivo do ditame inclúe 34 emendas: 27 presentadas polo Grupo Popular e 2 presentadas polo Grupo Socialista, e outras cinco emendas transaccionadas (3 do Grupo Popular co PSdeG, unha do Grupo Popular co BNG e unha emenda de consenso, recollendo unha modificación da Lei do Solo a proposta da Asociación de traídas de auga no rural de Galicia).