Os deputados do Grupo Popular Juan Casares e José Luís Ferro salientaron hoxe as oportunidades que se lles abren aos produtores galegos que comercializan a través do selo de calidade Artesanía Alimentaria.
Juan Casares e José Luís Ferro visitaron Queixos Feijóo, unha industria fundada en 1949, localizada no concello de Celanova e que segue unha longa tradición queixeira sempre en mans da mesma familia. “Estamos a falar dunha empresa que aposta claramente pola calidade e pola posta en valor das materias primas da zona, xa que ten como un dos seus provedores a produtores instalados na aldea-modelo de Xacebáns”, sinalaron.
Durante a visita, os deputados populares salientaron a importancia de que este tipo de empresas estean adheridas a selos e marcas de calidade, como Galicia Calidade, a denominación de orixe protexida Queixo Tetilla ou a Artesanía Alimentaria no caso da empresa Queixos Feijóo.
CALIDADE AGROALIMENTARIA
Artesanía Alimentaria é unha marca de calidade que ampara producións de todo o abano do sector alimentario que teñen a súa elaboración a pequena escala, de xeito predominantemente manual, con intervención directa do titular da empresa, con materias primas seleccionadas, sen aditivos e cunha presentación moi coidada.
“Esta aposta pola calidade agroalimentaria de Queixos Feijóo traduciuse en galardóns que, ano a ano, obtén nos certames e concursos queixeiros máis prestixiosos a nivel nacional como internacional, como o Gourmets ou o World Cheese Awards”, destacaron os deputados populares.