As deputadas do Grupo Popular Katy Varela e Encarna Amigo destacaron hoxe o traballo que a Xunta de Galicia vén desenvolvendo pola igualdade e a loita contra a violencia contra a muller, un labor que se expande aos festivais musicais, como o Caudal Fest que se está a celebrar en Lugo e onde os mozos e mozos teñen á súa disposición un Espazo de Igualdade e un Punto Lila e Arco Iris.
Nunha visita ao recinto do Caudal Fest, as deputadas comprobaron o funcionamento destes espazos de sensibilización e de atención e asesoramento continuado ante calquera tipo de violencia de xénero o LGBTIfóbica instalados pola Consellería de Política Social, coa colaboración de Turismo de Galicia, neste festival musical.
Estes puntos están compostos por dúas zonas diferentes, pero integradas. Unha primeira, de igualdade, pensada para a aprendizaxe e a sensibilización; e unha segunda, o Punto Lila e Arco Iris, para a atención continuada durante todo o festival a posibles vítimas de agresións sexuais ou calquera tipo de violencia machista ou LGBTIfóbica, que conta, ademais, cun espazo privado para poder facer un acompañamento, de ser necesario, con total confidencialidade.
Ambos espazos están a ser atendidos por un equipo multidisciplinar de profesionais especializados, entre os que se inclúen psicólogos, sexólogos, traballadores sociais, educadoras sociais ou axentes de igualdade con formación específica en igualdade de xénero, trata e prevención da violencia de xénero e LGBTIfobia.
Katy Varela e Encarna Amigo puxeron en valor a posta a disposición de todos os asistentes a este festival, nos que, en colaboración coa Consellería de Sanidade e os centros Quérote +, servirán tamén de espazos de información e prevención das infeccións de transmisión sexual.